Verín | No Hospital comarcal de Verín entra en servizo o novo edificio de Urxencias e PAC, no que a Xunta investiu 4,5 millóns de euros. “Estas melloras amosan o compromiso da Xunta coa potenciación dos hospitais comarcais, que son un piar básico e un elemento vertebrador para achegar unha asistencia sanitaria de calidade ao conxunto da cidadanía”, dixo Luís Menor Pérez, presidente da Deputación.
De feito, recalcou, “a execución do novo edificio supón un antes e despois no hospital, que medra tanto en dimensións como en calidade asistencial”.
Lembrou tamén Menor que o compromiso da Xunta co crecemento e coa mellora continua do Hospital de Verín é firme, asegurando unha atención de calidade para máis de 46.400 veciños do distrito sanitario de Verín e cada ano atende preto de 15.000 urxencias hospitalarias e a través do Punto de Atención Continuada.
O novo edificio das Urxencias e do PAC do Hospital de Verín, que abrirá as súas portas este xoves, supón ofrecer aos pacientes e aos profesionais unhas instalacións máis modernas, accesibles e confortables. A nova infraestrutura triplica a superficie das anteriores Urxencias e libera espazo no hospital matriz, o que permitirá mellorar servizos que precisan ampliar a súa capacidade como ocorre co Hospital del Día.