O humorista gráfico ponteareán Pablo Prado, Fuco, realizou o pasado 28 de xaneiro un obradoiro no Concello de Ponteareas sobre iniciación ao humor gráfico. Colaborador do noso medio Foro A Peneira-Novas do Eixo Atlántico, Fuco fixo un repaso a súa traxectoria profesional e ao futuro do humor gráfico en galego.
Este 28 de xaneiro levas a cabo un obradoiro en Ponteareas sobre iniciación ao humor gráfico. Que ensinanzas levarás aos presentes?
En principio, non é un obradoiro de aprender a debuxar. En 2019 din un semellante, o dobre de duración, e percibín que moita xente viña coa idea de que ía aprender a debuxar. Para mín o principal é que neste obradoiro de humor gráfico aprendan a entender cal é o concepto de humor gráfico, que analicen e que fagan unha proposta de humor. Dar recursos para espertar a creatividade e saber facer un chiste.
Cóntanos sobre a túa traxectoria profesional. Por qué a túa paixón polo humor gráfico e por qué decidiches este sendeiro na túa vida persoal e profesional?
A miña paixón é sobre todo a banda deseñada, o cómic. O humor gráfico é unha carreira que sae de forma paralela e que descubrín que é algo que tamén me gusta facer. Debuxar e plasmar ideas con debuxos é algo que saiu dende a miña adolescencia como unha especie de autoterapia, de poder plasmar algo como unha sensación ou unha emoción que teño moi forte dentro miña, sacala para o papel e poder dialogar con ela. Non tiña unha pretensión máis que de axuda emocional e comecei a ver que, dalgunha forma, cando a xente vía eses debuxos, lograban entender algo do que eu tiña dentro. Despois, a base de ler moitos cómics, en particular as novelas gráficas que comezan a proliferar aquí en Galicia a partires de 2000, vin que era posible contar historias doutro tipo, mais adultas e doutro ton.
“A miña paixón é sobre todo a banda deseñada, o cómic. O humor gráfico é unha carreira que sae de forma paralela e que descubrín que é algo que tamén me gusta facer”
Como ten sido a receptividade da xente e dos medios ao teu traballo? Podemos falar de novas xeracións que estanse formando no humor gráfico?
Temos a sorte de que en Galicia existe unha escola na que eu tamén participei que é o “Garaxe Hermético” de Pontevedra, dirixida por Kiko Da Silva, un dos xenios do humor gráfico galego e que é un referente a nivel galego e estatal. É unha auténtica marabilla e iso está producindo un revulsivo que, se analizamos a historia do humor gráfico galego desde finais do século XIX ata os nosos días, houbo como unhas ondas.
O triste era que, entre unhas xeracións e outras, había como un pequeno baleiro que desconectaba. Está o auténtico abismo da Guerra Civil que produce unha desconexión entre a Idade de Ouro do humor gráfico galego con Castelao, en Ponteareas tivemos a Ignacio Vidales Tomé, un auténtico referente que agora o Concello recuperou, e esta xente quedou totalmente desconectada co que despois viu nas décadas de 1950 e 1960 e así sucesivamente. Si que nos anos 90 houbo intentos como a revista Retranca que conectaban interxeracionalmente. Pero eu creo que é co Garaxe Hermético e con escolas deste tipo nos que hai autores consagrados dando clases e estase producindo esa capacidade para que o oficio non morra e que non naza dende cero outra “ondanada”. Creo que esa nova xeración vai a empezar a repuntar nuns anos e vemos xente que está espertanto intereses tanto en editoriais como Galaxia e Xerais.
O meu primeiro libro en banda deseñada foi “O derradeiro libro” de Emma Olsen, unha adaptación da novela de Berta Dávila que ten o mesmo título e publiqueino con Galaxia e foi un éxito con tres reedicións e vendéronse uns 1.300 exemplares en Galicia, unha boa tiraxe para ser en galego. Tamén en Xerais están sacando unha liña en banda deseñada, publiquei con eles “Nerea e o Príncipe da Sorte” en colaboración co guionista Miguel Rojo. Por tanto, pouco a pouco, as editoriais están apostando polo cómic, que antes viña da tradución de producións estranxeiras, e agora están apostando por produción propia.
Cómo ves o espacio do humor gráfico en galego?
Creo que hai moitos autores brillantes. O ves cando moita xente merca os xornais porque debuxan eles. Son case a marca do xornal e iso fala moi ben deses autores en concreto. Non sei se se pode falar, tanto no humor gráfico como no cómic, como un sector ou industria con dereitos laborais que poidan definila como unha industria consolidada. Hai moita precariedade como na cultural en xeral e é algo que se agrava porque o noso gremio fai pouca presión.
“Tanto no humor gráfico como no cómic (…) hai moita precariedade como na cultural en xeral”
Entendo que apoio institucional, moi pouco.
Efectivamente, aínda que hai algúns premios. Co respecto ao humor gráfico hai unha aposta en Fene co Museo do Humor dirixido por Xaquín Marín, outro referente histórico do humor gráfico galego, cunha intención clara por buscar unha esencia galega á hora de contar e de debuxar. Esa aposta que fixo por facer do Museo do Humor e os Premios Curuxa, entre outros. E traen xente non só galega senón do estranxeiro para publicar en galego, que é tamén moi importante para normalizar a realidade dun sector.
“O humor en Galicia ten unhas características propias e que moitas delas funcionan tamén no estranxeiro”
Falas de que nestes premios hai unha repercusión internacional. Pode falarse dunha escola galega de humor gráfico?
Eu penso que si. O humor en Galicia ten unhas características propias e que moitas delas funcionan tamén no estranxeiro, o que quere dicir que non é un nicho que non se entenda dende fora e que ten a capacidade de marabillar a xente alén das nosas fronteiras. Hai moito potencial.
Pero eses estranxeiros, salientan esa característica propia, de “galeguidade” do humor galego, que eles quizáis non o teñen pero o entenden?
Si, hai moita versatilidade e diversidade. Hai xente que está destacando a nivel internacional como Miguel Anxo Prado, Emma Ríos, cun estilo próximo ao “manga” e ao cómic americano, ou o mesmo Kiko Da Silva. O feito de non ter unha industria consolidada ten moitas cousas malas pero ten algunha cousa boa, que non tes un corsé ou un formato ao que te teñas que amoldar. Iso ás veces permite investigar e probar cousas que, de súpeto, chaman a atención fóra.
Falas de Kiko Da Silva. É o teu referente icónico?
Sen dúbida é un dos meus referentes. Para mín, entrar no Garaxe Hermético supuxo un antes e un despois. Eu non tiña a idea de adicarme a isto profesionalmente antes de entrar aí. Esa escola ten un enfoque de profesionalización e iso permitiume que, a partir de aí, eu poda apostar para vivir disto. Antes era un hobbie e agora o vexo como unha profesión. Outros referentes son autores consagrados e outros que están xurdindo, entre eles Cristina Fojón, Julia Vicente, Miriam Iglesias, Aldara Álvarez, que é de Ponteareas.
“O humor, non só gráfico senón tamén da tradición oral, na nosa retranca, nas regueifas, aí hai unha capacidade de rirse das inxustizas”
O humor é difícil despolitizalo. Cres que o momento político actual en Galicia da para seguir desenvolvendo esta industria do humor gráfico ou cres que hai limitacións, coercións dende o poder?
Todo é político. Partindo desa base, eu creo que incluso a intención de non emitir unha mensaxe política é tamén un acto político. Con todo, tristemente os medios de comunicación están copados polas propias sinerxias do sector, as dependencias que ten de certas fontes económicas que condicionan moitas veces as liñas editoriais. Iso fai que títulos que teñen posicións contra o sistema teñan menos repercusión ou menos orzamento. Iso é algo consustancial ao sistema capitalista, que todo o destrúe. Pero creo que dentro dun mundo inxusto, ás veces o humor é un revulsivo, é unha ferramente á hora de expresar cousas que ás veces están como constreñidas. Ás veces a sociedade ten como pulsións e sensacións que non sabe como canalizar, e o humor, non só gráfico senón tamén da tradición oral, na nosa retranca, nas regueifas, aí hai unha capacidade de rirse das inxustizas.