Bruxelas/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organiza en Bruxelas a conferencia “Sobre eólica mariña: cara un novo fracaso ambiental?”, que se celebrará o vindeiro 24 de maio na Eurocámara. Na xornada de traballo abordaranse as consecuencias que terá a eólica mariña sobre a pesca.
“En Galiza o noso sector pesqueiro xógase a súa pervivencia e o seu futuro, pero tamén vemos como noutros territorios o seu impacto tamén é moi negativo e queremos analizalo en profundidade”, salienta Miranda.
Así, na conferencia participará un nutrido grupo de representantes do sector pesqueiro, no que destacan o presidente da Federación Española de Confrarías de Pescadores, o galego Basilio Otero; o voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira; o representante de CIG Mar, Xavier Aboi; o presidente da Confraría da Guarda, Rubén Adrover; o presidente da Confraría de Cangas, Francisco Javier Costa; así como a presidenta e a secretaria da Confraría de Cedeira, María Magdalena López e María Rodríguez, respectivamente. Ademais, a xornada de traballo tamén contará co representante dos sindicatos de pesca de Portugal, Nuno Filipe Moreira, así como o representante de ADEGA Fins Eirexas, e os deputados do Bloque no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Ramón Fernández.
Destrución dos ecosistemas mariños
“Queremos dar voz a representantes dos sector pesqueiro afectados polo espolio ao que nos quere someter o lobby eléctrico que pode afectar negativamente á actividade pesqueira e á biodiversidade mariña”, explica Ana Miranda, quen denuncia a pretensión de instalar proxectos off shore que destrúan a riqueza marítima galega”.
Neste sentido, a eurodeputada nacionalista salienta que a pesca é unha actividade prioritaria para Galiza e lembra que a cadea mar – industria, que en Galiza representa arredor do 4,8% do PIB, ten unha facturación aproximada de 12.000 millóns de euros, supón arredor de 64.000 postos de traballo directos, e representa máis do 10% da capacidade pesqueira do conxunto da UE.
Fronte a estes datos, o Bloque denuncia que o Goberno do Estado pretenda destinar 2.200 quilómetros cadrados de costa galega para a eólica mariña. Estes plans de eólica mariña implicarían que a costa de Galiza soportaría o 43% da eólica mariña de todo o Estado, cun grave perigo para o sector pesqueiro galego.