Cadernos da viaxe.
Un vello dito inglês di que a saúde é a prosperidade (health is wealth). Mesmo outro moi semellante di que termos boa saúde é máis importante ca a propia riqueza (good health is above wealth). Mais a saúde pública, a sanidade pública (a única universal e viábel na Europa) precisa de recursos. Non hai nin pode haber sanidade pública sen un orzamento ben planificado e abastado.
Por segunda vez en 15 días a sociedade civil galega encheu a Praza Maior da Nación, a Praza do Obradoiro. Convocadas pola plataforma Sos Sanidade Pública (ben antes da disolución parlamentaria decretada por Rueda o 26 de decembro último), moitos milleiros de persoas percorreron o centro da capital galega reclamando o noso dereito á saúde, reclamando restaurarmos unha sanidade pública galega propia do século XXI e do nível de modernización da nossa economia e sociedade.
Arrepía botarlle unha ollada aos números que denunciou este domingo 4-F Sos Sanidade Pública. Nestes 15 anos de goberno do PP a asistencia primaria ficou tan deteriorada como para que a situación poida ser irreversíbel de non se adoptar medidas axiña. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que un mínimo do 25% do investimento sanitario público sexa dedicado á primaria.
“Nestes 15 anos de goberno do PP a asistencia primaria ficou tan deteriorada”
Pois ben, a Xunta de Rueda só dedica o 11,79%, menos da metade recomendada! Máis aínda. Galicia é o segundo territorio do Estado-despois de Madrid- que menos inviste na primaria. Velaí que esta gravísima e sostida retallada , canda as xubilacións de persoal sanitario non repostas, xeren cada vez máis bloqueos periódicos nas urxencias hospitalarias, canda graves demoras nas listas dr agarda que xa están incrementando dados de mortalidade evitábel.
Nestes anos incrementouse a participación nos recursos públicos dunha sanidade privada, que antes estaba alicerzada en grupos de capital local con prevalencia de profesionais médicos (o modelo que aínda subsiste en boa medida na sanidade privada catalá). Mais agora xa son fondos multinacionais que fan o posíbel por facer da saúde (e dos servizos sociais e da dependencia) o seu negocio.
“Xa un 20% de galegos conta cun seguro privado de saúde”
Xa un 20% de galegos conta cun seguro privado de saúde que, porén, tende tamén a excluir ás persoas que por idade ou doenzas previas ou sobrevidas non lle interesan ás súas contas de resultados. Velaí que nestas circunstancias a colaboración público-privada que podería ser razoábel mesmo no 2000-2005 constitúa arestora unha proposta desaquelada e agresiva para o dereito á saúde.
Un apuntamento especial esixe a malfadada situación da saúde mental na Galicia. O Movemento Galego de Saúde Mental denuncia que nunca houbo na historia sanitaria recente deste país unha desorganización tan ampla e grave como existe na actualidade. A prevalencia das doenzas mentais na rede primaria mudou dun 12% no 2011 a un 34,5% no 2021 e xa somos o segundo territorio do Estado no uso de ansiolíticos e antipsicóticos e o terceiro no uso de hipnóticos e sedantes. Unha sobreprescrición que atinxe nomeadamente ás mulleres.
Por segunda vez en 15 días os axentes sociais deste País fixeron a diagnose e sinalaron o camiño. A diagnose coincide en ambos os dous casos na falla de capacidade e mesmo de interese por parte da Xunta do PP para amañar estas desfeitas. O camiño para a remuda no Goberno será decisión dunha cidadanía na que semellan xurdir pulsións de cambio.