Entrevista | Lucía Canoura naceu en Viveiro, aínda que a familia procedía da parroquia da Rigueira, Xove. Alí está materializando o seu proxecto de vida, unha casa turística temática. As mulleres serán as protagonistas do establecemento poñéndolle nome aos diferentes cuartos. Por outra parte, a idea de crear e fixar emprego nunha zona rural que estaba quedando baleira, tamén é outro piar importante dentro desta iniciativa.
Describe o Lugar das Marías, que quere mostrar este proxecto?
O “Lugar das Marías” é un proxecto moi persoal. Naceu hai xa doce anos na miña cabeza, cando os meus pais pensaron en restaurar e levantar a casa. Eu pensara en como se podería transformar todo iso nun proxecto empresarial cunha dimensión cultural. Así que pensei nunha hospedaxe temática, para iso documenteime e hai tres anos puxen isto en marcha.
Foi difícil?
Economicamente é un proxecto bastante grande. Encontrei unha liña de axudas a través de AGADER, para proxectos dentro do rural, sobre todo produtivos. Así que preparei a documentación, e tiven sorte de ter ese co-financiamento. Un dos puntos para a concesión das axudas foi crear emprego.
Cal é a parte produtiva do Lugar das Marías?
Está pensado como un hostal para crear sector, pois estamos nun concello onde non existe equipo hoteleiro deste tipo, en tal caso, hai vivendas turísticas. Cada cuarto da casa estará dedicado a unha María galega. Así está o María Miramontes, Maruja Mayo, o María Casares e outro a Maruxa e Coralia e o quinto á miña avoa, María. Ademais tamén queremos traballar durante todo o ano en rede con outros proxectos culturais da zona e coñecer o territorio, á parte de traballar o tema da lingua porque fun desenvolvendo todo en galego.
E como te vas adaptando ao lugar? Porque ti, aínda que o coñecías, levabas tempo sen vivir nel.
Estiven traballando por conta allea e propia noutros proxectos, cos que tiña que desprazarme diariamente. Mais teño claro que quero estar aquí, mesmo podo estar máis tempo coa crianza. É unha vía de poñer en valor tamén unha casa catalogada dentro do Plan Xeral de Patrimonio, o que lle dá un valor engadido.
Como viches a acollida desde as instancias municipais?
Con quen manteño unha relación máis fluída é co persoal de emprego, pois están atentos a axudas e todo tipo de documentación. Mais logo de desenvolver unha carreira profesional buscando liñas de axudas, pois teño certa facilidade coa parte administrativa, sempre co paraugas de Emprego. E foi o Concello o que cualificou este proxecto como Iniciativa Local de Emprego.
E como ves a recepción por parte da veciñanza?
A media de idade dos meus veciños está entre os 75 e os 80 anos, si que pasan por alí, preguntan, e en principio están contentos, porque viven en soidade. Que haxa xente nova polo lugar creo que lles axuda pois teñen máis compaña.
De onde che viñeron máis apoios persoais?
Levar adiante unha idea como esta é nadar contracorrente. Meu pai sempre foi emprendedor, mais en xeral a xente bota as mans á cabeza, pois é un investimento potente. A familia si me dá apoios mais a execución física do proxecto é complicada.
E a isto todo, sumarlle que es nai.
Si, teño un neno de catro anos, aínda así teño un colexio e comedor perto da casa, isto facilitame algo as cousas, mais asumir todas as funcións que conleva a obra e as tarefas administrativas, require un traballo de vinte e catro horas.
Animarías a máis mulleres facer o que estás facendo ti?
Por suposto que si. Estou arrodeada de mulleres con ideas, gañas e posibilidades. As vivendas turísticas é un mundo á parte, un turismo moi diferente, con establecementos que ademais de dar almorzo dinche a onde podes ir. Ademais, os e as veciñas poden ser clientes potenciais, o importante é que as aldeas cobren vida.