O Instituto de Estudos Miñoranos convoca ao seu III Concurso Fotográfico

Baixo o título "Camiños do Val de Miñor e do Baixo Miño"

Gondomar | Pretende ser un punto de encontro para afeccionados á fotografía e sensibles ás temáticas relacionadas co medio, co entorno e o patrimonio.

Participantes
Poderán concorrer a este concurso as persoas afeccionadas á fotografía, maiores de idade, sempre que os seus traballos se axusten ás bases do mesmo.
Establécese unha categoría avaliada polo xurado e outra  avaliada na rede social facebook polo público que o desexe.

Temática
Camiños do Val de Miñor e do Baixo Miño

Valorarase:
Orixinalidade da proposta, capacidade para provocar emocións cara á temática, calidade estética e técnica.
As fotografías deberán ser orixinais e inéditas.
Poderán ser en branco e negro ou a cor.
As fotografías presentaranse en formato dixital en tamaño 30×45 cms (300 píxeles por polgada). Non se admiten fotografías de menos de 6 mp. Imprescindible que o arquivo enviado sexa de alta resolución.
Os participantes poderán enviar dúas fotografías como máximo.
As fotografías serán da propiedade do autor/a que  se presente ó concurso.

Limitacións
As fotografías non levarán marcas de auga, palabras ou nomes que as identifiquen.
En ningún caso se admitirán fotografías que supoñan un prexuízo a integridade física ou moral de persoas individuais ou de todo tipo de colectivos.
Non se terán en conta para o concurso as fotografías que sexan fotomontaxes.

Presentación
Por correo electrónico (oficina@iem.gal)
Titularase cada fotografía cun nome.
No correo electrónico aparecerán tamén os datos persoais da autora/or (nome e apelidos, DNI e teléfono) E A UBICACIÓN GPS DO MOVIL DA FOTOGRAFÍA.
Os participantes cumprimentarán e asinarán a folla modelo que aparece no anexo destas bases, onde se autoriza a exhibición e publicación da súas fotografías na exposición posterior ó fallo do xurado e nas redes sociais do IEM.
Prazo para presentación de fotografías: 18 de Setembro ó 17 de Novembro ás 24 horas

Xurado
Estará formado por fotógrafos profesionais e por integrantes da xunta de goberno do IEM. O xurado resérvase o dereito da interpretación das bases do presente concurso e da resolución dos casos non contemplados, de acordo co seu criterio.

Entregaranse dous premios, un que falle o xurado e outro do público, atendendo ás votacións do público no facebook do IEM (máis me gusta, máis me encanta). No caso que coincidan o fallo do xurado e o fallo do público na mesma fotografía, prevalecerá o fallo do xurado. Os nomes dos premiados publicaranse nas redes sociais e na web do IEM a partir do 27 de novembro.

Premios e exposición
Premio Xurado: 250 € + revelado en 40×60 + publicación na REM
Premio Público: 150 € + revelado en 40×60 + publicación na REM
2 accésit Xurado: Revelado 30×45 + publicación na REM
2 accésit Público: Revelado 30×45 + publicación na REM
14 Finalistas: Publicaranse as súas fotografías na exposición  e na revista REM

O IEM revelará as fotografías premiadas en tamaño  30×45  para a súa exposición.
O IEM resérvase os dereitos da exposición e reprodución das fotografías premiadas, así como os dereitos de imaxe das persoas fotografadas que aparezan nelas, dando por feito que as persoas están ó tanto e aceptan ser expostos no salón de actos do IEM, nas redes sociais ou nos locais que o IEM contacte para tal fin.

Período de votación no facebok do IEM para o premio do público: 20 de Novembro ó 25 de Novembro do 2023 ás 24 horas. A entrega de premios e a inauguración da exposición fotográfica será o día 22 de decembro na sala de exposicións do IEM.

Observacións
A participación neste concurso implica a total aceptación das bases reguladoras do mesmo por parte dos participantes. Facebook queda completamente exento de toda responsabilidade e non avala, administra nin está asociado a este concurso.

Ideario
Desde tempos, en Galicia, froito da orografía e do clima principalmente, propagáronse  tanto os asentamentos humanos coma a súa dispersión. Froito desta circunstancia, a necesidade de interconectar estes asentamentos e a vinculación entre os seus habitantes motivou unha fecunda rede de camiños de diferente entidade.

Foron o xermolo do que hoxe son as rúas, as estradas e a rede viaria. Modificaron a paisaxe e o territorio na procura de desenvolver e progresar  cara a unha sociedade vencellada, relacionada, con necesidades inevitables comerciais e sociais.

Camiños que comunican parroquias, que nos levan a leiras, a terras de labor, a fontes ,a igrexas, ó río… e outros lugares comúns. Camiños de carro feitos para transportar materia prima que se extrae dos labores do monte: pedra, madeira, herba, toxo, millo, batume etc.

En moitos casos, reutilizáronse carreiros por onde transitaban animais de mediano ou gran porte e, noutros casos,  as necesidades de labor, de comercio, de cambio, de atopar novos horizontes vitais, de fuxir … foron as que incitaron os ancestros a librar de silvas, fentos, toxos e codesos para atopar o traxecto.

Asociado a eles aínda se poden apreciar elementos da arquitectura e enxeñaría tradicional como valados ou sebes de terra, madeira ou pedra, pasos de pé, escaleiras etc.
As encrucilladas, tan populares na nosa terra foron e son lugares de relación, de acordos territoriais e políticos, de conversa e de culto (pagán coma as aras ou cristián). No imaxinario galego as encrucilladas de camiños están referenciadas en multitude de cancións, poemas e lendas.

Algúns/as, decidiron que moitos dos camiños de sempre foran soterrados polos monocultivos  ou cubertos por unha capa de chapapote, desbotando a súa esencia, a súa beleza primaria, facilitando o paso dos vehículos a motor a lugares que tradicionalmente facíanse a pé, na bicicleta ou en besta.

O desleixo polo pasado, pola historia, a ignorancia… fai que camiños tradicionais (reais, medievais, romanos) sexan esquecidos, aflorando de novo as silvas, fentos, toxos e codesos.

Milleiros de camiños, engrobas, agoladas, vieiros, canicouvas, congostras, curripas, corgas, corgos, corredoiras, vereas, rodeiras de carro fendidas nas laxas, tiradas por sacrificadas bestas e valentes persoas ,que amosan a dureza do traballo no monte, afloran polo Val de Miñor e o Baixo Miño a espera dun click de cámara, dun retrato que aprecie, que reflicte todos eses esforzos que axudaron a constituír a realidade territorial da que formamos parte.