A Oficina Municipal de Información Xuvenil organiza cursos que inclúen recollida e clasificación
Tomiño | Vinte e cinco persoas participaron no curso de micoloxía organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Tomiño. A actividade, que se volverá a impartir en breve, debido á gran cantidade de persoas que quedaron en listaxe de espera, tivo lugar o pasado sábado, cunha duración de cinco horas, nas que se impartiron nocións teóricas e prácticas, incluída unha saída ao campo para recollida e clasificación.
A charla formativa tivo unha duración de unha hora e media e baseouse nos cogomelos máis comúns nos nosos montes.
Despois o grupo participou nunha saída de campo interpretativo-educativa ata Cristelos (Barrantes), que tivo unha duración aproximada de dúas horas. Tras esta saída o alumnado participante volveu á aula, onde realizou a clasificación dos cogomelos recollidos e falou de curiosidades sobre os mesmos.