A Coruña | O Casino de Carballo (rúa Vázquez de Parga, 1 – Carballo) acollerá o vindeiro xoves, 30 de setembro, ás 19:00 horas, a presentación de Toponimia de Carballo, unha obra na que o filólogo Fernando Cabeza Quiles indaga na orixe e no significado de máis de 350 formas que designan as entidades de poboación deste concello da provincia da Coruña.
O estudoso estará acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica correspondente e presidenta da Asociación Galega de Onomástica (AGON), Luz Méndez; e Luís Giadás Álvarez, en nome do Instituto de Estudos Bergantiñáns.
A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade do espazo no que se desenvolverá a presentación. A organización agradece a confirmación da asistencia no correo casino1889@gmail.com.
Toponimia de Carballo forma parte da colección Terra Nomeada, que a Real Academia edita en colaboración coa Asociación de Onomástica Galega, e contou co apoio económico da Deputación da Coruña. A colección ofrece ata o momento os estudos sobre a toponimia dos concellos de Agolada, de Luz Méndez; Ames, de Xosé Ramón González Boullón; Trabada, de Xulia Marqués Valea; Begonte e Rábade, de Paulo Martínez Lema; e os volumes da Estrada e de Carballo, de Fernando Cabeza Quiles. Todos eles poden consultarse en liña na sección de publicacións de academia.gal.
No seu traballo sobre os nomes de lugares de Carballo, Fernando Cabeza Quiles achega información detallada, por orde alfabética, dende Agramaior, na parroquia de Lema, ata O Zarallo, na parroquia de Sofán. Entre todos os topónimos incluídos, o autor destaca o da Vixoteira, do que só se atopa información no galego bergantiñán. O adxectivo substantivado vixoteira, explica, adoita atribuírselles ás persoas, xeralmente de idade avanzada, que axexan dende as fiestras a quen pasa pola rúa, e que o fan con moita precaución para non seren vistas.
“Entre todos os topónimos incluídos, o autor destaca o da Vixoteira, do que só se atopa información no galego bergantiñán”
Este significado garda clara relación coas características do lugar que a mesma palabra nomea, xa que A Vixoteira se atopa nun lugar alto dende o que se pode vixotar ou vixiar unha ampla extensión de terreo do val de Rus. Por este motivo, o filólogo suxire que o topónimo pode ter un significado similar ao da Esculqueira, nome de lugares altos dende os cales se poden esculcar ou vixiar tamén panorámicas vastas.
A lingua da zona tamén deixa pegada na toponimia carballesa a través das terminacións de nomes de lugares como Barís, Bas, Betrís, O Esmorís, Esteves, que dan conta do seseo implosivo en posición final que diferencia a fala deste concello, explica o autor.
De igual xeito, a toponimia amosa exemplos de como o galego falado de Carballo emprega as terminacións -án(s) tamén para o feminino (a/s miña/s irmán/s, non a/s miña/s irmá/s), un trazo expresado na toponimia carballesa nos nomes de lugar As Chans e Vilachán, que no galego de Lugo e Ourense e mais no do leste da Coruña e Pontevedra serían As Chás e Vilachá, compara o filólogo.