O Tribunal Superior de Xustiza e Galicia (TSXG) é o máximo órgano xudicial do noso País e mesmo a súa derradeira instancia en casación no eido do Dereito Civil e Administrativo galegos. Lembremos que a lexislación que regula a produción eólica é, substancialmente, lexislación galega.
Nos últimos anos o TSXG declarou ilegais os parques de Sasdónigas, Sasdónigas 1 (os dous en Mondoñedo), Campelo e Bustelo en Bergantiños e a repotenciación de Corme na Costa de Morte. E tamén acordou suspender cautelarmente as autorizacións dos parques da Lagoa, en Zas, e de Monte Corbal, en Bergantiños, pois que doutro xeito a construción dos devanditos parques podería xerar moi graves prexuízos ao ambiente, actividades económicas e poboación da contorna atinxida.
Foron decisións xudiciais todas adoptadas consonte claras regras xurídicas. Mais o lobby eólico (CEG, a patronal eólica galega e o sindicato CC.OO.) vén de dirixir unha desaquelada e ilexítima ofensiva contra o máis alto Tribunal do noso País pretextando… falla de seguranza xurídica!! Mais son precisamente os Tribunais os que interpretan e aplican a Lei nos Estados de Dereito. Velaí a ferreña e inédita reacción da propia Sala de Goberno do TSXG rexeitando estas indignas presións.
“O lobby eólico (…) vén de dirixir unha desaquelada e ilexítima ofensiva contra o máis alto Tribunal do noso País pretextando… falla de seguranza xurídica!!”
Cómpre lembrarmos as causas polas que se están a recorrer as autorizacións da Xunta (e moi axiña do Goberno central): prexuízo aos acuíferos, á flora, fauna e patrimonio ambiental, dano ao patrimonio cultural, incompatibilidade dos parques proxectados coas actividades empresariais (gandería, agricultura, turismo rural…) da contorna atinxida, prexuízo aos residentes (ruído, exceso de luminosidade…)
Europa precisa xerar electricidade de fontes renovábeis. Máis a nosa Galicia xa superou no 2021 en máis dun 57% os obxectivos da UE para o 2030. Non se nos poden pedir máis sacrificios ambientais, demográficos e económicos, agás que se dea unha reviravolta na lexislación e xestión desta caste de instalacións enerxéticas, de xeito que se nos compense abondo, tanto ao País en xeral como ás comunidades que sofren esta enxurrada. Senón mellor vai ser que leven os muíños para a serra madrileña, onde non hai nin un por elementais razóns de protección ambiental.
“A nosa Galicia xa superou no 2021 en máis dun 57% os obxectivos da UE para o 2030. Non se nos poden pedir máis sacrificios ambientais, demográficos e económicos”
Cómpre lembrarmos, tamén, que ningún programa electoral dos partidos unionistas (PSOE, PP, Sumar) achega solución ningunha para esta enxurrada eólica nin tampouco para o control da eólica mariña no prexuízo da nosa pesca e do noso sector mar-industria. De certo que só o BNG recolle no programa electoral a defensa dos nosos intereses fronte a este lobby. O mesmo lobby que integra arestora as mesmas CC.OO. que seguen a apoiar a exacción colonialista de ENCE na ría de Pontevedra.