O Porriño | O mellor enólogo de viños novos de España vive en Atios. Pablo Estévez Meléndez, afincado nesta parroquia porriñesa dende hai anos, foi recoñecido por terceira vez en catro anos como “Mellor enólogo de viños novos de España” nos Premios Baco, un reputado certame organizado pola Unión Española de Catadores que distingue aos mellores viños do país.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e concelleiros do Goberno Municipal, recibiron onte a Pablo na casa consistorial para darlle a noraboa non só por este novo éxito, senón tamén pola súa dilatada carreira profesional que o sitúa no máis alto do seu sector.
“Este premio é un recoñecemento ao enorme traballo levado a cabo nos últimos anos, recoñecemento ao que os seus veciños e veciñas queremos sumarnos poñendo en valor a súa profesionalidade e traxectoria”, afirmou o alcalde.
Pablo Estévez, de 45 anos de idade, estudou Enxenería Agrícola. A súa familia estivo sempre ligada ao mundo do viño, polo que dende pequeno participou do proceso tanto do traballo en viña como no de bodega. Foi isto o que a decantarse pola Enoloxía no primeiro ano de estudos universitarios. Por iso, completou a súa formación con dous masters en Enoloxía ademais de levar a cabo varios traballos de invstigación relacionaodos co sector do viño.