Carballo | Volve o Mercadillo do Centro Comercial Aberto, ou, mellor dito, o “Merca e Dillo”, como se anuncia nos carteis desta atípica edición. “Meditouse moito se levalo a cabo ou non”, recoñeceu hoxe, na presentación da actividade, o presidente do Centro Comercial Aberto, Ricardo Pallas. E finalmente optouse por mantelo, pero celebrándoo nos propios comercios para “evitar masificacións” e, ao mesmo tempo, poñer en valor todas as medidas de prevención da COVID-19 que se aplican no comercio carballés e que o converten nun “comercio seguro”, en palabras de Ricardo Pallas.
O presidente do CCA estivo acompañado na presentación por outros membros da xunta directiva e polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que reiterou o compromiso do goberno municipal cun sector estratéxico para a economía local. “Carballo é comercio, é un punto de encontro e de compras, e é importante que a xente veña e merque”, dixo. Nese sentido, o alcalde valorou especialmente que ante unhas circunstancias excepcionais se buscasen “solucións enxeñosas”, e fixo un chamamento especial á precaución e á prevención ante a incidencia do coronavirus: “Hai que cumprir os tres M: Máscara, 2 Metros de distancia e lavado de Mans”.
O Mercadillo do CCA celebrarase do 28 ao 30 de agosto, nas mesmas datas que Berocasión e coincidindo co feirón do domingo 30. Os 31 establecementos participantes _entre eles 5 dos novos 15 socios que veñen de facerse a través dunha campaña de captación_ estarán abertos o venres e o sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, e o domingo, de 10:00 a 14:00. Entre as novidades tamén figura un sorteo de tres premios de 300 euros, para o cal haberá que gardar os recibos das compras. O que non cambia, como sinalou o presidente do CCA, é que se ofrecerán “os mellores prezos posibles”. Ricardo Pallas rematou co desexo de que a iniciativa “sexa beneficiosa para comerciantes e clientes”.