Tui | Tosta de lacón con grelos, chopo de caldo galego e aire de chourizo, tosta de San Xoán, taco de segredo de porco, tortaleta de queixo e marmelo, melindres e enreixado de cabelo de anxo.
Esas foron as degustacións que os alumnos e alumnas do CIFP Manuel Antonio elaboraron hoxe na Praza de Abastos de Tui para celebrar “Degusta Europa”, o programa co que a Deputación de Pontevedra conmemora a data do 9 de maio, Día de Europa e da firma, no ano 1950, da “Declaración de Schuman”. A veciñanza da vila e as persoas traballadoras da Praza deron conta dos preto de 1.000 petiscos que formaban parte deste menú especial acompañadas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a secretaria do CIFP Manuel Antonio, Beatriz Pol.
“Queremos poñer en valor o que nos une en Europa, que é o patrimonio inmaterial dos mercados, da gastronomía e dese produto de excelencia que temos na provincia de Pontevedra e na localidade de Tui”, asegurou Carmela Silva, que invitou á veciñanza a desfrutar dos petiscos do CIFP Manuel Antonio, “realizados con produtos de proximidade, porque o produto de Galicia é de excelencia e único no mundo”. A edición deste ano do programa está ligada á campaña de turismo da Deputación, “Orixe”, polo que fai unha homenaxe a gastronomía das avoas e das nais, para o que o alumnado do CIFP Manuel Antonio reinterpretou receitas tradicionais con técnicas do século XXI.
Precisamente, a presidenta quixo poñer en valor o traballo deste centro “que é un orgullo para esta provincia e para toda Galicia, porque ten grandes premios e recoñecementos e un profesorado moi comprometido”. Neste sentido, a secretaria da escola, Beatriz Pol, recalcou que este tipo de programas “son unha gran oportunidades para sacar aos alumnos e alumnas do centro, facer algo diferente e amosar á xente o que estamos a facer”.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para poñer en valor os mercados, “que temos que coidar e modernizar, para reconvertelos tamén en espazos de encontro, de degustación e que sexan grandes lugares de referencia. Porque os mercados tradicionais son os do produto cero, de proximidade”. Na mesma liña se expresou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que recalcou que este programa “mostra o compromiso co sector primario, co comercio e co mercado”, e destacou a importancia de contar con mercados que teñan instalacións “adecuadas ás novas demandas das e dos consumidores”, como acontecerá coa Praza de Abastos de Tui trala súa reforma, que permitirá “modernizalo e viabilizar o seu futuro”.
“Degusta Europa” chega ao longo destes días a seis mercados da provincia para poñer en valor os produtos quilómetro cero á vez que dinamiza os mercados municipais para darlle un toque de innovación e vangarda gastronómica da man dos centros Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra. O alumnado do primeiro, ademais de elaborar os petiscos de Tui, será o encargado dos menús de Baiona (3 de maio) e Vigo (4 de maio). Pola súa banda, o CIFP Carlos Oroza estivo a cargo dos menús que se serviron en Redondela, Cambados e Pontevedra.