Vigo | O campión mundial de xadrez, o ruso Anatoly Karpov foi o convidado de gala na celebración do 50º aniversario do Centro Comercial Travesía de Vigo os días 24 e 25 de setembro, para participar no torneo Travesía Vigo Master Chess 2021.
Karpov, nado en 1951 na entón URSS, foi campión mundial entre 1975 e 1985, así como campión mundial na versión da Federación Internacional de Xadrez (FIDE) entre 1993 e 1999. É considerado un gran mestre internacional desta disciplina, gañando 160 torneos internacionais en solitario ou ben compartindo o primeiro lugar.
Debe igualmente destacarse que Karpov tamén ten realizados outras actividades fóra da súa disciplina deportiva. Foi deputado na Duma (Parlamento ruso), presidente do Foro Internacional para a Paz, embaixador da UNICEF e presidente da Comisión de Damnificados do desastre nuclear de Chernóbil.
Pola súa traxectoria, especialmente durante o período soviético, recibiu a Orde de Lenin e a Bandeira Vermella da Orde do Traballo e xa posteriormente o Diploma Honorario do Parlamento ruso e a Condecoración da Igrexa Ortodoxa Rusa.
Vigo, centro mundial do xadrez
A súa visita a Vigo xerou unha enorme expectación social e mediática. Numerosos vigueses achegáronse ao CC Travesía de Vigo para compartir en persoa con Karpov e ver a súa exposición fotográfica persoal, onde podían apreciarse gráficas da súa vida.
Destacan así imaxes da súa infancia, os seus comezos no xadrez, os seus primeiros triunfos ata converterse en campión mundial e, principalmente, os seus míticos duelos con Gary Kaspárov na década de 1980, nun momento histórico non só para o xadrez senón tamén no marco da “guerra fría” e dos aires reformistas da Perestroika e da Glásnot impulsados por Mijaíl Gorbáchov na ex URSS.
En Vigo, Karpov participou en partidas simultáneas con escolas de xadrez viguesas, nas que participaron uns 40 xogadores, mantivo un encontro cos medios de comunicación e asinou persoalmente obxectos de xadrez a centenares de vigueses que se achegaron ao Carrefour do CC Travesía.
As partidas simultáneas realizounas Karpov no taboeiro xigante coa participación do primeiro finalista do torneo celebrado no CC Travesía, o serbio Aleksa Stricovic, radicado na Coruña desde fai case tres décadas.
O duelo Karpov-Caballero
Finalmente, veu o momento culminante da súa visita: a partida de xadrez, enmarcada nun taboeiro xigante, co alcalde vigués Abel Caballero. O pasado 29 de xullo, con motivo deste Master Chess, Karpov retou a Caballero a realizar esta partida.
Foi este 25 de setembro cando finalmente disputouse nun marco igualmente significativo: o taboeiro de xadrez máis grande do mundo, pendente de certificación de récord Guinness, composto por pezas movibles de material reciclado e granito feito en Galicia.
Para outorgarlle unha pizca máis ao histórico momento, Karpov e Caballero reproduciron en Vigo unha partida disputada no Campionato do Mundo de Xadrez celebrado en Filipinas en 1978, na que Karpov enfrontou entón a un exiliado ruso en Suíza, Viktor Kochnoi.
Deste feito, Karpov e Caballero disputaron a súa partida de xeito tradicional, sentados nunha mesa fronte ao taboeiro. Karpov utilizou as pezas brancas e Caballero as negras. Persoal de organización e nenos que tamén participaron nas partidas simultáneas movían as pezas dentro do taboeiro xigante, de acordo aos movementos que realizaban Karpov e Caballero. Por certo, a partida de xadrez Karpov-Caballero rematou en empate.
“Aproveitando a visita de Karpov, o rexedor vigués anunciou a súa intención de celebrar en Vigo un Campionato Mundial de Xadrez”
Antes da partida, Caballero recoñeceu haber “adestrado moito”, e que é un gran aficionado ao xadrez “desde os seis anos”. Aproveitando a visita de Karpov, o rexedor vigués anunciou a súa intención de celebrar en Vigo un Campionato Mundial de Xadrez.
Como dato anecdótico, Karpov mantén o récord Guinnes como a persoa que máis asinaturas persoais ten realizado nun só día. Foi en 25 de outubro no marco do III Festival de Xadrez de Cidade de México, onde Karpov asinou un total 851.000 exemplares da súa biografía escrita por David Llada.