Os que o coñecen saben da afección do meu tío-avó Nilo a reparar trebellos, a fochicar entre ferros oxidados, a procurar polos interiores de caixóns inzados de parafusos de diferentes formas, condicións e tamaños, aquel que poida servir, cun aquelado trato, para o sorprendente arranxo do máis insospeitado aparello estragado pola obsolescencia programada da industria do consumo. Nada o detén, nin a máis aparente dificultade, con tino, acougo e días, matina e actúa ata atopar solución práctica á vella lavadora que escandaliza a veciñanza, á neveira que deixou de arrefriar ou converte os bistés en pranchas de xeo, á aquela lámpada que gusta de estourar a cada pouco ou ao triciclo estragado por ímpetos infantís. É o seu un espírito práctico que non se arreda ante atrancos aparentes nin inconstantes impaciencias.
Repare o lector que o alcuño que hoxe lle apoño ao meu tío-avó vén inspirado pola lectura intensa e extensa (1.331 páxinas) da biografía que Miguel Anxo Seixas vén de encetar sobre o construtor da nación. Digo que acaba de comezar a súa publicación porque a obra (rematada como tese de doutoramento) non se completará ata a saída do prelo dos dous seguintes tomos, de similar extensión, dedicados ás dúas últimas década da vida do rianxeiro; as máis intensas no referido ao combate político. Podemos gabarnos desta minuciosa achega biográfica que aínda que non clausure o campo de estudo si nos permite comprender e aprender de quen soubo converterse nun modelo ético e político, para o que cómpre ollar con atención por riba de fraseoloxías focas e rituais. O esforzo editorial de Galaxia que con estes tres tomos, e os seis das obras que publicou en 2000, é digno de agradecemento.
Castelao era un home popular, un artista coñecido e recoñecido, como se desprende da lectura deste primeiro volume que nos achega os seus 44 primeiros anos de vida. Non foi o máis brillante intelectual da súa xeración, nin un gran pintor, limitado polas dificultades de visión, pero si un excelente caricaturista, un magnifico debuxante e un escritor de estilo, de palabras “contadas e ben pensadas”. Non era nin o torrente, na escrita e na fala, oteriano; nin o requintado espírito da lumiña vagaceira risquiana, nin procedía da tradición fidalga decadente dos Losada, senón que xurdiu da clase feita coas mans que topou fortuna no desértico cruce da sudestada, o zonda e o pampero.
O seu compromiso, honestidade e entrega permitiulle ollar, intuír, elaborar, un proxecto galeguista que rematou por sobrepoñerse ao seu proxecto artístico e o converteu no dirixente, no construtor, no mito da nación. Logrou, xunto co galeguismo progresista da súa xeración, a grande obra de afirmar a nación, de acadar un estatuto para Galicia, de transmitirnos o traballo cumprido, sen a satisfacción de ollalo en marcha. Para atanguelo tivo que dialogar, pactar, renunciar e situar por riba das “miserias” humanas e intelectuais a vontade imaxinada da nación.
As xeracións seguintes, descontadas as machucadas polas botas militares, non souberon fedellar nos caixóns inzados de parafusos lañados para atopar aqueles máis axeitados para arranxar e adaptar o trebello.
A vontade de nación carece de proxecto para conxuntar a maioría construtora de país. Estou seguro de que habelos hainos, mais non se mirou ben.