Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, recibiu na tarde de hoxe en visita oficial a Luis Planas Puchades, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, co obxectivo de analizar a situación agroalimentaria da provincia de Lugo, e nomeadamente, do Concello de Monforte e do conxunto da Ribeira Sacra.
Na súa primeira visita á cidade de Monforte, o ministro foi recibido polo rexidor municipal e saudou a diversos membros da Corporación Municipal que o agardaban á entrada da Casa Consistorial.
Tras a firma no Libro de Honra do Concello, o alcalde agradeceu ó ministro a súa visita a Monforte, recordando que “facía 13 anos que un ministro do Goberno de España non visitaba Monforte, desde que o fixera en 2009 José Blanco, como ministro de Fomento”.
Tomé salientou o apoio que o ministro manifestou á Monforte e á Ribeira Sacra, e convidouno “a vir pronto a Monforte para disfrutar da Ribeira Sacra”.
Pola súa banda, Luis Planas, manifestou sentirse moi honrado de visitar a cidade de Monforte de Lemos, “capital de la Ribeira Sacra, que produce un vino de extraordinaria calidad, que es un vino emergente en España y que se está imponiendo cada vez más en muchos mercados, y con mucha razón”.
O ministro destacou as importantes accións levadas a cabo polo Goberno nesta lexislatura en apoio á agricultura, á gandería é o mundo pesqueiro.
Neste senso, destacou o apoio do Goberno ó sector lácteo, con máis de 169M€, ó sector cárnico, con 193M€ ou ó sector pesqueiro, con máis de 78M€.
Futuro do sector agroalimentario na zona
Luis Planas avanzou que o obxectivo da súa reunión co alcalde monfortino é analizar “las perspectivas que tiene la ciudad, y del desarrollo de toda esta comarca, y de las posibilidades de futuro, pues como ministro soy un gran defensor de todo nuestro sector agroalimentario”.
Tras as declaracións que ambos mandatarios realizaron ós medios de comunicación, os equipos de José Tomé e Luis Planas mantiveron unha reunión de traballo para analizar futuras liñas de acción e colaboración encamiñadas á “potenciación dun sector, o agropecuario, que ten moito futuro”.
Neste senso, alcalde e ministro levaron a cabo un cambio de impresións sobre a situación da agricultura e gandería na Comarca de Lemos, na Ribeira Sacra e provincia de Lugo, “co obxecto de potenciar os seus produtos nos mercados nacionais e internacionais”.