Vigo | Galicia será pioneira en contar con centros que traballan cun modelo de boas prácticas recoñecido pola Unesco, e que vai ser referencia a nivel internacional, pois non existe actualmente ningunha rede de ensino formal deste tipo impulsada desde un goberno.
Así o confirmoi o Consello da Xunta do pasado xoves 9 de novembro, que avaliou un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sobre a implantación deste modelo que ten como finalidade a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial mediante a sensibilización das xeracións máis novas desde a escola con actividades culturais e pedagóxicas.
O sistema educativo galego será, así, un exemplo en materia de sensibilización co patrimonio desde a infancia. A incorporación desta acción ao sistema educativo farase a través dunha convocatoria aberta a todos os centros públicos que, de xeito experimental, contempla a adhesión nunha primeira fase de ata 20 centros públicos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Os seleccionados pasarán a formar parte da Rede de centros Ponte… nas Ondas!
Ponte entre escola e sociedade
O modelo internacional de educación en materia de patrimonio Ponte… nas Ondas!, recoñecido pola Unesco hai un ano, será ademais un dos eixos a debate no “6º Congreso internacional Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade”, que se celebrará entre os días 16 e 18 de novembro en Ourense e Portugal. A cita coincide co 20 aniversario da Convención de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco.
Ao fío do Congreso, esta semana presentouse tamén no Concello de Ourense un evento paralelo, dirixido ao público infantil, que terá lugar de 11 a 13 horas, na Praza Maior, e no que máis de 200 escolares de Primaria coñecerán unha ampla mostra de xogos tradicionais, que aprenderán a practicar coa axuda de monitores. Lembramos que o Congreso ten como sede a Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense –edificio de Ferro, que acollerá tamén a mostra “Imaxes do Patrimonio”, e unha exposición do 20 aniversario da Convención da Unesco de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.
Información e programa do Congreso: http://pontenasondas.org/congreso-2023/