Ponteareas | O vindeiro sábado 23 de marzo ás 4 da tarde, na área das Chans da Picaraña, comuneiros e voluntarios de Ponteareas e arredores arrincarán miles de eucaliptos que están a nacer de semente. Súmanse así ao proxecto de ducias de colectivos que nesta semana queren celebrar o “Día Mundial dos Bosques” para transformar os nosos montes en verdadeiros ecosistemas naturais. Esta iniciativa está proposta por “Cousas de Raíces” unha entidade conformada por máis de 60 colectivos a prol do noso monte. Na súa páxina aparece un mapa coas diferentes actuacións en todo o país e coa ubicación precisa das mesmas, así como os teléfonos de contacto de cada grupo.
Pódese consultar aquí.
A zona de actuación en Ponteareas é a mesma pola que entrou o lume en outubro de 2017, polo que é importante mudar a paisaxe e facer unha franxa de protección arredor das Chans da Picaraña. Dende entón lévanse plantadas máis de mil árbores de especies autóctonas, entre carballos, castiñeiros, cerdeiras e noceiras, contando co patrocinio de Clínica Alsana, co seu proxecto “Unha árbore, unha vida” e coa colaboración de ducias de comuneiros e voluntarios. Tamén o alumnado do colexio “La Inmaculada” coa axuda de cuadrillas do Distrito XVII Condado Paradanta, leva anos reforestando esta área recreativa con plantas creadas de semente por eles mesmos nas festas do Magosto.
A directiva do Monte Comunal de Ponteareas agradece estes traballos e salienta a importancia da presenza dos máis cativos, nas diferentes plantacións.
Aínda que os eucaliptos queimados xa foron eliminados, agora é preciso arrincar as plantas que están nacendo de semente para evitar así que sexan unha ameaza no futuro. Animamos a todas as persoas a axudar nesta xornada.