Tui | Diana Martins e Manuel Vicente Roxo, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño, manifestaron a súa satisfacción por ter atopado na Eurocidade unha garantía de estabilidade para o MUMI, que este ano pretende consolidarse tanto en ubicación como en calendario.
A feira reubícase na última fin de semana do mes de setembro, unha data que favorece a asistencia de profesionais e artistas, e que ademáis vai encher de xente as dúas vilas nunhas datas de menor afluencia de visitantes.
Diana Martins anunciou que desde este mesmo xoves 24 de febreiro todas as persoas interesadas en participar no MUMI 2022 poden inscribirse no encontro a través da web mumimusicas.eu. A convocatoria para candidatar propostas de artistas e bandas galegas e portuguesas permanecerá aberta ata o 31 de marzo, mentres que as inscricións para profesionais estarán abertas até as datas de celebración do evento. En ámbolos dous casos, a participación é gratuíta.
Pola súa parte, Manuel Vicente Roxo lembrou o importante impacto económico e social da pasada edición, na que participaron máis de 80 artistas e 132 profesionais galegos e portugueses do sector musical, entre axencias, programadores públicos e privados, xornalistas culturais, empresas de servizos, discográficas e editoras.
A feira realizou un gasto directo na Eurocidade de perto de 12 mil euros, o que significa un terzo do orzamento recibido; e aos que hai que sumarlle o gasto indirecto realizado polos cerca de 2.000 visitantes que se achegaron a participar e disfrutar dunha programación cultural e turística que encheu durante 3 días as rúas e espazos de ámbalas dúas cidades, ofrecendo un total de 19 concertos, 5 conferencias e decenas de encontros de negocios arredor da música. Roxo asegurou que nesta 3ª edición prevese aumentar este impacto económico e sobre todo remarcou a importancia do impacto social e mediático dun evento coma este. “O MUMI crea alianzas estratéxicas e iso é fundamental nun momento como o que estamos a vivir”, apuntou.
Un dos grandes obxectivos é atraer programadores do sector público e lograr que a feira se convirta nun obrigado punto de encontro para as contratacións artísticas dos concellos e cámaras municipais dos dous territorios. O MUMi pretende afirmarse, no prazo de 5 anos, como a Feira Internacional da Lusofonia, unha cita anual que permita explorar novas posibilidades dun sector estratéxico, servindo de escaparate e punto de encontro para ambos países, e tamén para todas aquelas empresas, entidades e iniciativas que atopan na música un espazo de promoción e diferenciación a traves do mecenado e a esponsorización, como xeito de posicionamento no seu propio mercado.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “despois da edición do ano pasado temos claro que o MUMI ten que ser unha das apostas inequívocas do Concello porque estamos convencidos de que temos diante unha oportunidade que nos vai beneficiar a todos, tanto ás institucións como á industria musical dos dous países”. O rexedor aínda engadiu que “se hai un territorio que reflicte o espíritu do MUMI é a Eurocidade Tui-Valença”.
Pola súa banda, José Manuel Carpinteira, presidente da Cámara Municipal de Valença, incidiu no “enorme potencial do evento e na súa capacidade para recuperar a normalidade na actividade musical e contribuír a relanzar o sector da cultura, despois da parada pandémica”.
O xefe territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, explicou que “o MUMI exemplifica unha das liñas de traballo marcadas desde a Consellería de Cultura de impulsar e promover a relación cultural entre Galicia e Portugal, ao amparo da Lei Valentín Paz-Andrade”. A administracióna utonómica apoia o evento a través dos fondos do Plan de Reactivación do Xacobeo.
Por último, Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura de Tui salientou que “o MUMI é a primeira feira internacional de música galego-portuguesa e non temos dúbida de que será en pouco tempo un encontro de referencia na península”. Vicente engadiu que o evento vai axudar a reforzar o sector turístico da Eurocidade que neste momento está atravesando aínda nunha situación complicada.
Tres días de música e encontros profesionais en localizacións emblemáticas de ambos municipios. Asi séra o MUMI 2022, que bota a andar tras esta presentación co obxectivo de seguir creando novos mercados para as músicas galega e portuguesa.
Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral daranse cita na última semana de setembro neste evento que conta co apoio económico de ambos municipios, o da Xunta de Galicia, a Direção de Cultura do norte de Portugal e a Fundação GDA (Gestão dos Direitos dos Artistas). Ademais este ano, únese como medio amigo a CRTVG, para garantir a través da Radio Galega e a Televisión de Galicia a cobertura da feira; unha difusión que na outra beira do Minho estará apoiada desde os medios públicos portugueses Antena 2 e Antena 3.