“É un autócrata”. Así definiu Javier Milei durante unha entrevista ao presidente ruso Vladimir Putin, non sen antes denunciar a invasión rusa a Ucraína asegurando ser “o primeiro político na Arxentina en denunciar esa invasión ante o Congreso”. “Non me reuniré con comunistas”. Así cualificou Milei a China e tamén ao presidente brasileiro Lula da Silva, con quen tampouco tivo reparos: “é un ladrón”.
En agosto pasado, durante o cumio dos BRICS en África do Sur, acordouse o ingreso arxentino neste organismo para o vindeiro 1º de xaneiro de 2024. Milei asumirá a presidencia un mes antes, o 10 de decembro, pero xa anunciou durante a campaña electoral que, con el na presidencia, non se materializará ese ingreso arxentino nos BRICS.
Tras observar as declaracións anteriores contra os líderes de Rusia, China e Brasil, todos eles membros dos BRICS, queda claro que Milei ten intencións de cumprir a súa palabra e pór fin á orientación xeopolítica que os seus antecesores gobernos “kirchneristas” realizaran cara estes países. Milei tamén deu a entender a posibilidade de saída arxentina do MERCOSUR toda vez criticou fortemente o recente acordo UE-América Latina.
“Milei aposta por retornar ao redil ‘atlantista’ de EEUU pero tamén con Israel”
Milei aposta por retornar ao redil “atlantista” de EEUU pero tamén con Israel, tomando en conta a súa condición de xudeu. Toda vez estes dous países serán os primeiros que visitará antes de asumir a presidencia, Milei xa anunciou que trasladará a embaixada arxentina de Tel Aviv a Xerusalén facendo referencia á histórica “visión do Rei David”. Toda unha declaración de intencións que revela síntomas mesiánicos nas súas decisións.
Vendo as súas declaracións sobre como artella a súa visión de mundo, Israel terá un papel primordial na política exterior de Milei. O vindeiro presidente arxentino denunciou o “ataque terrorista de Hamás” contra territorio israelí en outubro pasado. E dase por descontado que esa importancia israelí para Milei aumenta tomando en conta que Irán, inimigo histórico de Israel, tamén ingresará nos BRICS en xaneiro próximo. Dificilmente Milei querrá saír na mesma foto con Putin, Xi, Lula e o iraniano Ebrahim Raisi.
Como será a relación co Vaticano e cun Papa arxentino que Milei non dubidou en cualificar como o “representante do Demo na Terra” por ser “un Papa comunista” é tamén outra das “perlas” que se agardan nas relaciones exteriores de Milei. Polo pronto xa houbo conversa telefónica cun Papa Francisco que, obrigas protocolorias, felicitouno pola súa vitoria. Pola súa parte Milei convidouno a visitar Arxentina, no que parece unha aposta pola cordialidade propia das responsabilidades dun máximo mandatario.
Agora ben, apostará fielmente Milei polas súas ideas ou deberá recorrer ao pragmatismo e a realpolitik sempre presentes na area internacional? Haberá no plano exterior a mesma “motoserra” que Milei promete para a política interna? Implicará a súa visión exterior un novo modelo para outros gobernos e líderes de dereitas a nivel hemisférico? É Milei a peza angular dun novo proxecto “pósneoliberal” impulsado polos grandes capitais internacionais que apostan agora por unha dereita “anarco-capitalista” como a que encarna o actual presidente arxentino? Pode ser a Arxentina de Milei unha “punta de lanza” deses intereses “anarco-capitalistas” das grandes multinacionais e das elites financeiras, impulsado agora a través dun populismo liberal de dereitas nun país clave pero con graves problemas económicos, principalmente, cos seus acredores financeiros (FMI, Banco Mundial)? Será Milei a peza para desmantelar “o público”? Suporá Milei a enésima tentativa do eixe atlantista liderado por Washington para desarticular as alianzas xeopolíticas que a nivel hemisférico e global ten a man o eixe euroasiático sino-ruso fortalecido trala guerra de Ucraína e agora coa de Gaza? Son incógnitas a descifrar que acrecentan os enigmas en torno a súa presidencia.
“Pode ser a Arxentina de Milei unha ‘punta de lanza’ deses intereses “anarco-capitalistas” das grandes multinacionais e das elites financeiras?”
Pero xa vanse trazando as sinais máis visibles do “modelo Milei”. Tras reunirse co actual mandatario Alberto Fernández para iniciar a transición de poder, Milei anunciou a privatización de empresas estatais (YPF, Enarsa, medios de comunicación públicos) toda vez defende a política de terapia de shock macroeconómico tan presente na rexión durante a década de 1990.
Por tanto agárdase vía libre para a dolarización, o final do Banco Central, a privatización a gran escala e o “reino do Mercado”. Todo isto son as recetas “mileianas” para acabar “coa corrupción da casta” e “a inflación”, os obxectivos trazados para “recuperar a Arxentina” e convertela nunha potencia mundial. Unhas “liñas vermellas” inalterables para Milei. E repito, un ethos con claros tintes mesiánicos.
Nestes días de “son e furia” estamos por ver se Milei será unha reprodución do trumpismo e do bolsonarismo en política exterior afastándose dos actuais esquemas de integración rexional e pulando por “outra visión do mundo” mais acorde cos intereses atlantistas dun eixe EEUU-Israel fortalecido coa guerra en Gaza. E máis cando no 2024 volve a asomarse con forza a figura de Trump (un dos avatares ideolóxicos de Milei) para a Casa Branca. Ou se, polo contrario, podemos agardar con Milei unha dose de pragmática realpolitik que lle obrigue a facer “un alto no camiño”.