Ourense | O Museo Internacional da Cornamusa da Deputación de Ourense acolle unha exposición na que rende homenaxe aos 25 gaiteiros máis relevantes da historia de Galicia desde principios do século XIX, retratados a través do pincel doutro gaiteiro galego e artista polifacético, o coruñés Xosé Casal.
A mostra foi presentada esta mañá na Escola Provincial de Gaitas, onde se sitúa o museo, coa presenza da deputada de Cultura e Producións Audiovisuais, Patricia Torres, o director da escola, Xosé Lois Foxo e o propio artista.
Patricia Torres subliñou a importancia dunha exposición que reúne aos mellores gaiteiros galegos dos últimos 200 anos, “contribuíndo ao coñecemento da tradición galega e das persoas que durante todo este tempo exerceron como os seus transmisores”.
A mostra, engadiu, “incrementa o valor deste Museo da Cornamusa que xa conta cunha magnífica riqueza, sendo único no mundo nas súas características”. Razón máis que suficiente, afirmou, “para seguir apostando desde a Deputación pola escola de gaitas e polo museo, grazas ao gran traballo que realiza o seu director”.
Xosé Lois Foxo explicou que o punto de partida desta exposición sitúase no libro Os segredos da gaita, un importante volume traducido a numerosos idiomas e onde xa se recolle unha historiografía destes gaiteiros. “Quixemos dignificar a nosa tradición gaiteira e o concepto do gaiteiro histórico, tradición e historia de Galicia que non teñen noutras culturas do mundo”, afirmou Foxo. Casal, presente na exposición, sinalou a importancia de conservar e potenciar a cultura galega e o traballo da Deputación de Ourense, a través neste caso da Escola Provincial de Gaitas: “A Deputación é pobo, e a cultura do pobo é importantísima. Todos debemos defender o patrimonio de Galicia, por iso para min é un orgullo estar hoxe aquí e deixar estes cadros nesta exposición”.
Casal: gaiteiro, compositor, pintor e escultor
A mostra tamén ten a súa importancia polo autor dos 25 óleos, o coruñés Xosé Casal (Curtis, 1942), home polifacético no ámbito das artes xa que ademais de estar considerado como o mellor gaiteiro da súa época tamén ten un amplo traballo como compositor, pintor e escultor.
Casal xa foi protagonista da homenaxe que lle rendeu a Escola de Gaitas en outubro de 2021, cuxo retrato foi a portada do Anuario da Gaita e do cartel do IV Festival Medieval do castelo do Bolo.
Manuel Castro, o gaiteiro de Penalta; Xan Míguez, de Ventosela; Faustino Santalices; Félix Álvarez, dos Trinta de Trives; ou Virxilio Fernández, cofundador da Coral da Ruada, son os gaiteiros ourensáns retratados nesta exposición, que inclúe un autorretrato do propio Xosé Casal.