Pontevedra | “Presentamos a través desta exposición unha selección de libros animados que constitúen pequenos tesouros bibliográficos polo seu valor histórico e artístico”, sinalou o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, ao inaugurar a mostra ‘Pop-up. Libros Móbiles e despregables’ aberta desde hoxe e ata ao 12 de outubro no edificio Castelao.
A través dunha escolma de preto dun centenar de exemplares, dos máis de 2.200 que forman a colección dos palentinos Ana María Ortega Palacios e Álvaro Gutiérrez Baños, búscase amosar a historia destes formatos, cuxo uso se remonta ao século XIII. “A intención é que o visitante saiba cal foi a súa orixe, como evolucionaron, como funcionan e de que tratan xa que non se reducen soamente a contos infantís”, explicaron os comisarios da exposición.
Seguindo este afán didáctico, a mostra pivota sobre tres eixos: a súa historia, as técnicas e as diversas temáticas que abranguen. Deste xeito, as persoas que se acheguen á sala 1 do Edificio Castelao poderán realizar un percorrido a través destas pezas organizadas cronoloxicamente, partindo dun orixinal do s. XVII, obtendo así unha visión global dos avances e cambios que foron experimentando ao longo do tempo desde que o mallorquino Ramón Llul empregou no século XIII o primeiro elemento móbil nun libro ata as actuais propostas do norteamericano Robert Sabuda.
Especial atención reciben os artistas Ernest Nister, Raphael Tuck e Lothar Meggendorfer polo seu destacado papel na época dourada deste volumes, datada a finais do século XIX. De feito, “o auténtico tesouro da nosa colección, e que exhibimos aquí, é unha peza de Lothar Meggendorfer da que só existen dous exemplares no mundo”, apuntaron os comisarios. Trátase de ‘Le gran cirque international’, unha obra feita en París no ano 1887 que estivo exposta hai dous anos na Biblioteca Nacional de España.
Tras esa etapa álxida, a primeira e segunda guerra mundial supuxeron, no século XX, un freo na produción destes libros, aínda que non desapareceron totalmente ao substituír aos xoguetes nunha época de carencias. Posteriormente, o auxe dos pop-up comezou nos anos 60 en Checoslovaquia con Vojtech Kubasta e, na actualidade “falase dunha segunda idade de ouro con obras de enxeñería en papel impresionantes”, destacou Rey.
A selección de pezas reflicte tamén as distintas técnicas empregadas na súa elaboración, como solapas, lingüetas, persianas, acordeón, teatriños, carrusel, entre outros, e explícase o proceso de ensamblaxe que pasa necesariamente por labores manuais realizadas en Colombia, Ecuador, o máis recentemente, China e o sueste asiático.
“O enxeñeiro de papel é o responsable de concibir este mecanismo que despois se fará tridimensional”, apuntou Álvaro Gutiérrez ao adiantar que as persoas que se acheguen á mostra poderán ver un cuño que lles permitirá facerse unha idea de como se constrúen estas esculturas.
A diversidade temática é outra das cuestións abordadas no relato expositivo, incidindo en que, na súa orixe, trataban disciplinas como a teoloxía, a astronomía ou a medicina, e non foi ata o século XVIII cando creouse o primeiro libro animado con vocación lúdica. Por elo, a mostra poderán verse exemplos de publicacións elaboradas con tridimesionalidade sobre natureza, pintura, arquitectura, enxeñería, teatro, cine, vehículos, avións, barcos, arquitectura ou contos.
“A necesaria presentación en vitrinas de todos estes volumes fai que se perda o movemento, cuestión que suplimos con audiovisuais nos que se pode ver o funcionamento dos exemplares”, engadiu o director do Museo.
Catálogo e obradoiros
José Manuel Rey aproveitou a ocasión para presentar o catálogo editado pola institución museística, que inclúe as imaxes e a historia dalgunhas das pezas máis importantes das que conforman a mostra, e que pode adquirirse na recepción do Edificio Castelao ou consultarse na sala de investigación situada no edificio Fernández López. Por outra banda, o director do Museo adiantou que nuns días o departamento de Educación abrirá a inscrición para participar nos obradoiros relacionados cos libros despregables que estarán dirixidos ás nenas e nenos.