Pontevedra | O Museo de Pontevedra vai reactivar a devolución dos cadros polacos que forman o díptico da Dolorosa e o Ecce Homo espoliados polo réxime nazi. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen explicou que nos últimos meses a Deputación de Pontevedra estivo recompilando informes para ter garantía xurídica de que a entrega se realizará a quen corresponde conforme a lei ante a reclamación das pezas non só por parte do Goberno polaco senón tamén pola familia que se considera propietaria lexítima.
Segundo apuntou Mosquera os tratados internacionais establecen claramente que é preciso entregar as pezas ao estado do que foron espoliadas e despois, dentro do Estado polaco, as partes interesadas deben discutir internamente a quen lle corresponden. “O tema estivo parado porque non o estaba nada claro que a pesares da nosa boa disposición viñera un pleito ou unha reclamación pola devolución. Queriamos cubrir as espaldas e agora sabemos que estamos cubertos”, dixo o nacionalista.
Así pois, solicitáronse informes tanto aos departamentos provinciais de Secretaría, á Asesoría Xurídica, ao Ministerio de Cultura, e tamén a entidades externas como o despacho de Garrigues Walker. Estes poñían sobre a mesa a devolución ao Goberno polaco en cumplimento dos tratados internacionais e do código deontolóxico do Consello Internacional de Museos.
Unha vez zanxada a cuestión legal e tras o último informe recibido na tarde de onte, dende a Deputación reactivouse o procedemento para a devolución. Pedirase autorización para a entrega á Xunta e ao Ministerio de Cultura por ser un ben de servizo público e ben patrimonial, e tamén se levará o asunto para aprobación no Pleno da Corporación. A intención é facer a devolución sen compensación económica de ningún tipo.
O vicepresidente lembrou que a noticia da identificación do díptico como ben espoliado xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wiśniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra. Segundo a documentación que aportaba, as dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski en Gołuchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.
Ambas pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973. Despois, ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade trala compra da súa colección (313 pinturas de autores e cronoloxías diversas) grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra. Descoñéceseonde e en que momento foron adquiridas por Fernández López, pero todo parece indicar que puido telo feito nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual.
O díptico estivo atribuído inicialmente ao pintor holandés Dieric Bouts (Ca. 1420- 1475), principal representante da Escola de Lovaina, mais finalmente aclarouse que foi pintado por algúen da súa eescola. Constitúe un bo exemplo dunha tipoloxía da que se conservan numerosos exemplares en museos e coleccións particulares, realizados tanto polo artista como polas persoas do seu taller e imitadores.
A súa valoración económica rolda os 23.000 euros cada unha, ao facer unha estimación en base ao prezo pagado por toda a colección Fernández López (600 millóns de pesetas) Ámbolos dous cadros estarán no Edificio Castelao en exposición pública ata a súa entrega. “Facemos a devolución con moito gusto e satisfacción”, subliñou Mosquera.