Arcade | Sendo as 12:30 horas do día 30 de maio de 2022 xúntanse, na Pousada de Soutomaior, os membros do xurado da XXVI edición dos Premios Lois Peña Novo nomeadamente, D. JORGE MIRA PÉREZ, catedrático de Física aplicada da USC -premiado na edición 2014- que actuou como Presidente; Dª. CELIA PEREIRA PORTO, avogada, presidenta da Fundación Vicente Risco; Dª. ANA MOSQUERA FERNÁNDEZ, avogada e D. MARTÍN FERNÁNDEZ VIZOSO, periodista que actuaron como vogais e Dª. CARME PÉREZ VAQUERO, secretaria da Fundación Lois Peña Novo que actuou como secretaria do xurado.
Despois de deliberaren sobre as propostas presentadas acordaron conceder os premios Peña Novo deste edición a: D. RODRIGO ROMANÍ BLANCO, embaixador da música tradicional galega no mundo con máis de 40 anos de impecable traxectoria creando referentes no imaxinario colectivo galego, desde 1978 ao 2000 como integrante do grupo Milladorio, máis tarde como director do Conservatorio de Música tradicional en Vigo creando a primeira escola permanente existente en España dedicada á arpa celta, instrumento que foi quen de introducir no repertorio da música folk galega e, ata hoxe, como director da Banda de música SondeSeu, un proxecto pioneiro que a partir da música tradicional galega creou un novo modelo en formato orquestral convertíndose nun referente noutros países europeos.
Pola coherencia do seu traballo como divulgador e defensor do patrimonio musical galego e por ter sementado galeguidade aos milleiros de alumnos e alumnas que a través das súas aulas tiveron contacto coa cultura e a lingua galegas.
Suliña o xurado que a súa achega e posta en valor da identidade galega supón un claro exemplo de compromiso permanente con Galicia e coa súa lingua e cultura. Dª. MARÍA LUISA CASTRO CERCEDA, doutora en bioloxía, foi profesora titular na Facultade de Bioloxía e Ciencias do Mar da UdeVigo exercendo un maxisterio socrático de galeguidade diante dos centos de alumnos que a través das súas aulas se formaron en lingua galega.
Experta en micoloxía é descobridora de novas especies de setas como a Amanita porrinensis, sendo autora dunha ampla obra individual en galego que a sitúa como un referente fóra das nosas fronteiras. Defensora do uso da lingua galega no eido científico, co seu traballo ten contribuido á galeguización dun sector onde o uso da lingua galega é minoritario.
Articulista en diferentes medios de comunicación utiliza sempre o galego como medio de expresión. Actualmente é directora da empresa MycoGalicia Plantae desde onde promove en galego o desenvolvemento rural en campos relacionados co medioambiente.
Suliña o xurado que as súas profundas convicións demostran de xeito inequívoco que o galego é unha lingua válida para o mundo científico en iguais condicións que calquera outra. ASOCIACIÓN NOVA ESCOLA GALEGA por tratarse dun colectivo da sociedade civil que desde 1983 ven traballando coa finalidade de construir un sistema educativo en galego, público e democrático, implicando a persoas tanto do ámbito educativo como da sociedade en xeral e exercendo un labor de transcendencia na formación de novo profesorado como eixo fundamental para a pervivencia da lingua galega.
O seu traballo ten incidido enormemente e a través dos anos no ámbito da adminis- tración pública frenando, con accións moi puntuais, políticas desgaleguizadoras. A súa permanente colaboración con Portugal e outros países de fala lusófona a través da Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna e Movementos de Renovación Pedagóxica, tratou sempre de incidir e provocar movementos a prol da defensa das identidades culturais e lingüísticas en especial a galega. Suliña o xurado o compromiso de Nova Escola Galega na defensa e utilización da lingua galega no entorno da xuventude e da mocidade como eixo fundamental da normalización do uso do idioma galego. E sendo as 14,00 horas do día indicado no encabezamento, dáse por rematada a xuntanza, de todo o cal dou fe como secretaria, asinando ao pé xunto cos membros do xurado.