Crecente | Esta fin de semana chega cargada de música ao Concello de Crecente, que desfrutará de dúas actuacións da man da Deputación de Pontevedra. Por unha banda, a cantante Erea Castro ofrecerá un concerto este venres 18 de agosto ás 22:00 horas na praza do Concello, enmarcado no programa provincial “Musigal”.
Pola outra, o ciclo provincial “Música no Ar” propón este sábado 19 de agosto un recital a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo na Igrexa de San Pedro de Crecente, ás 20:00 horas. Ambas as dúas actuacións son gratuítas.
No caso do recital de Erea Castro, esta cantante de Salvaterra propón unha fusión entre a sonoridade do fado, o folclore miñoto e os ritmos latinos. A artista reivindica a través da súa música a cultura dos espazos transfronteirizos, froito dunha formación na que creceu escoitando a constante mestura musical entre España e Portugal. Nos últimos anos ten compartido escenario con referentes da música lusa como Marco Rodrigues ou José Cid. A banda que a acompaña está formada por recoñecidos músicos portugueses, entre eles Pedro Viana, Bernardo Viana, Frederico Gato, Sertorio Calado e Valter Rolo. A súa actuación está financiada polo programa “Musigal”, que busca contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e mais fomentar o uso e a normalización social da lingua.
Ademais, “Música no Ar” chega a Crecente coa proposta de Nuria Lorenzo e Alejo Amoedo. O espectáculo que ofrecerán o sábado leva por título ‘Cantares de lúa’, e reúne poemas de autores como Curros Enríquez, Rosalía de Castro ou Gabriela Mistral, musicados por compositores como José Baldomir ou Juan Durán. Este programa da Deputación está a levar este verán quince actuacións de música clásica e de cámara a espazos singulares da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castrelos, pazos ou fortalezas.
A mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo acumula unha extensa traxectoria profesional como cantante lírica e directora coral, coroada no 2015 coa Medalla de Prata Galega Destacada 2014. Ten dado recitais por toda a xeografía española e parte de Europa e participou nas temporadas líricas nacionais, cantando en teatros de España como o Liceo de Barcelona, o Palacio Euskalduna de Bilbao, o Teatro de la Zarzuela de Madrid, o Palau de la Música de Valencia, o Auditorio de Galicia en Santiago ou o Teatro Afundación de Vigo, xunto a recoñecidas voces internacionais como Carlos Álvarez, Ainhoa Arteta, Mariola Cantarero, Zapata, Fiorenza Cedolins, Gregory Kunde, Daniela Barcelona, entre outros.
O pianista redondelán Alejo Amoedo está especializado no repertorio de compositores galegos. Doutor pola Universitat Politècnica de Valencia, ten editado varios traballos discográficos, nos que destaca a ‘Antoloxía de compositores galegos’ ou ‘Cantos á natureza’.
É catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, que ensina no Conservatorio Superior de Música de Vigo. É membro fundador da Irmandade da Música Galega, que ten como obxectivo a preservación e divulgación da música galega, e tamén integrante da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.
Despois deste recital, o programa “Música no Ar” continuará o 24 de agosto no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas e o día 27 na Igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei. En setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no Castelo-fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (o día 9) e outro no Santuario da Franqueira da Cañiza (o día 10).