Ponteareas | Ponteareas dá o pistoletazo de saída á programación dunha das épocas con máis maxia de todo o ano. Este xoves 16 comezan as actividades de Nadal, que arrancarán co tradicional Festival de Nadal do Conservatorio e Escola de Música Municipal de Ponteareas, que se celebrará (a partir das 16.00 h na sala multiúsos do auditorio municipal) e se prolongarán ata o 5 de xaneiro coa presenza dos Reis Magos na vila.
Serán case unha trintena de actividades “aptas para todos os públicos no que tamén haberá espazo para participar en familia e promover ademais as nosas tradicións, como os Ranchos de Reis ou a música tradicional. Trátase dunha programación pensada para ter unha ampla oferta de lecer e sacarlle o máximo partido a estas datas tan sinaladas”, salientan os concelleiros de Eventos, Miguel Bouzó, e de Cultura, Fernando Groba.
Dende o Concello convídase á veciñanza a participar nas actividades preparadas, todas elas de balde e con todas as medidas de prevención recomendadas polas autoridades sanitarias.
A primeira semana de programación será intensa, co primeiro pase o venres 17 da animación de rúa (ás 17.30 h con saída dende a Casa do Concello), que habitualmente recorrerá as rúas da vila durante o Nadal.
O sábado 18 o protagonista será o deporte e a 8ª Gala de Nadal Club Patinaxe Luar ás 17.00 h no complexo deportivo Álvaro Pino. Xa ás 19.30 horas a música volverá subir ao escenario da sala multiúsos do auditorio municipal co concerto de Alberto Vilas Quintet. O domingo 19 daralle o relevo a Banda de Música Reveriano Soutullo, cun concerto sobre o mesmo escenario ás 18.00 horas.
Nesta programación de Nadal non faltarán as visitas do Apalpador e de Papá Noel nin os tradicionais Ranchos de Reis, que resoarán en varias ocasións durante os vindeiros días. Ademais haberá cine para mocidade, obradoiros de bolas e de cociña de Nadal organizados por Banastra, presentación de libros, música en vivo e deporte, coa cita anual coa Carreira San Silvestre Solidaria, que despedirá o ano na súa novena edición recorrendo as rúas do centro urbano.
Nestas datas tampouco pode faltar o lecer en familia, con sesión de cine infantil e contacontos. E, no marco desta completa axenda de Nadal, tamén se presentará o Calendario Galego de Ponteareas, que cada ano recolle instantáneas únicas da vida.
A programación rematará o mércores 5 de xaneiro coa recepción aos Reis Magos de Oriente ás 12.00 horas na Casa do Concello e animación en rúas e prazas cos grupos de Ranchos de Reis pola tarde ata o comezo da Gran Cabalgata.
O mercado ambulante cambia de data
A concellaría de Promoción Económica e Consumo, que dirixe Eva Gil, informa de que o mercado ambulante do sábado 25 de decembro e do sábado 1 de xaneiro cambiará de data ao coincidir cos festivos de Nadal e Aninovo. En ambos os dous casos, esta cita semanal trasladarase ao venres, polo que a veciñanza poderá gozar do mercado ambulante os días 24 e 31 de decembro.
Eva Gil agradece a comprensión das vendedoras e vendedores do mercado ambulante de Ponteareas e do tecido comercial en xeral e convida a toda a veciñanza a facer as súas compras para estas datas tanto na praza de abastos como no comercio local, que estará aberto no horario habitual.