No pasado 2014 publicabamos un Especial 30 ano de A PENEIRA. Aquela foi unha data histórica, como así o recoñecían todos os nosos amigos/as que colaboraron na súa composición. Todos falaban de se se trataba dun espazo no que podían expresar as súas opinións sen censura. Esa palabra non existía. Non había nin censura , nin políticas definidas. O termo liberdade de expresión contiña todo o seu valor expresivo; non era unha simple frase feita, era un feito contrastado. Aquela añorada empresa informativa rematou; tivo que rematar.
Esa maneira de informar foi o santo e sinal de todos os xornais que tiven e teño a honra de dirixir ata agora; e xa van aló uns cantos.
Hoxe permítome presentarlles , prezados lectores, un humilde Suplemento co gallo do 1º aniversario dun novo xornal: NOVAS DO EIXO ATLÁNTICO. Si, efectivamente. Eu son daqueles que tropezan dúas veces na mesma pedra; aínda que no meu caso non se trate exactamente dun tropezón; máis ben diría que se trata dunha necesidade biolóxica.
Hai persoas ás que lles gusta matar as horas libres xogando a partida cos amigos, darse grandes camiñatas ou irse de feiras e coñecer países. Nada que obxectar pola miña parte; non faltaría máis. O que pasa é que a min esas cousas non me satisfacen. Eu mergulleime fai máis de trinta anos nun mundo diferente. Se cadra é un mundo que eu me inventei e que fóra de min non existe; non o sei. Hai quen me pregunta por que non disfruto da miña xubilación sen meterme en líos de editar e dirixir xornais que a ninguén, ou a poucos, interesan. Outros dinme que, xa que estou metido nestas liortas, por que non son máis práctico e trato de quitarlle beneficio. En fin, vese que nesta sociedade que vivimos a maioría da xente só entende o de “tanto tes, tanto vales”; os valores do espírito, o pretender contribuír con algo a unha sociedade alienada, conformista e dominada por uns poucos que mandan, non ten compradores. O que importa , o interesante, é vivir ben, disfrutar da vida e non preocuparse polo que pasa ao noso arredor. Pero no meu caso é unha teima de profundas convicións democráticas e dun firme convencemento de que teño a obriga de facer algo polo meu País.
Eu dediqueime ao ensino durante preto de 40 anos. En todo ese tempo tiven como norte e guía pretender que os meus alumnos/as creceran e se formaran dotándose dun espírito crítico fronte a todo o que os rodeaba. Claro que apenas entendían as razóns das miñas directrices que, por outro lado, non eran máis que ensinarlles a pensar, a discorrer, a dubidar do que lle daban cocido sen preguntarse cales eran os ingredientes. Espíritos críticos fronte ao mundo, capaces de analizar e defender o patrimonio cultural, social que nos ofrecen cada día. Alguén dirá “este tipo estivo facendo política na escola”. Resposta: efectivamente, estiven facendo política educativa, estiven tentando abrirlles as mentes aos meus alumnos/as para que o día de mañá , cando chegaran á maioría de idade, non política senón biolóxica, foran quen de separar o trigo da cizaña; foran quen de analizar sen intermediarios o que esta sociedade lles ofrece. Esa é a POLITICA (con maiúscula) que eu fixen durante os meus anos de ensinante. Estou convencido de que se todos os meus colegas sentiran esta mesma necesidade e facilitaran os seus alumnos ferramentas mentais para que puideran liberarse do bombardeo informativo ao que se ven sometidos, mellor nos iría a todos.
Nestes momentos convulsos que vivimos a nivel político, social e de valores poderían enfrontarse sos con posibilidades de éxito; non precisarían de muletas, de apoios externos que non sempre lles mostran o camiño axeitado. Os pais e nais dos nosos alumnos/as estarían máis tranquilos sabendo que os seus fillos/as non corrían perigo neste bosque de árbores podres, en descomposición, nesta sociedade hedonista que non lle ofrece máis que consumismo, libertinaxe, vicio, sexo mal entendido.
Pero, dirán vostedes, que ten isto que ver coa publicación dun Suplemento Especial para conmemorar o primeiro ano de vida dunha humilde publicación? Pois nada ou todo. Depende a óptica coa que cada quen observa o mundo no que vive. Nada se o que lle preocupa é vivir ben sen importar a quen poida prexudicar, sexa directamente coñecido ou sexa o propio mundo en que vive. Todo se entendemos que somos apenas unha minúscula parte dun todo complexo que se chama sociedade, que será mellor ou peor segundo a nosa contribución honesta, firme e desinteresada ao seu desenvolvemento.
Pero, que pinta un xornal en todo isto? Pois, repito, todo e nada. Todo porque somos aquilo que oímos, escoitamos, lemos e cremos. Da información que procesamos depende o noso comportamento no eido social, moral, político e aínda relixioso. Alguén dixo, “dádeme unha escola e moverei o mundo”. Efectivamente; non hai ferramenta de transformación máis poderosa que a escola. Aí nace, crece e se reproduce todo, para ben ou para mal. Si, é verdade; sabemos que nestes momentos os centros educativos xa non son tan determinantes na conduta dos individuos; sabemos que hoxe a rúa é un elemento formativo ou disolvente das conciencias da adolescencia, dos nosos mozos/as. Sen embargo a formación, a educación que nos centros se deberá ofrecer segue sendo un elemento moi importante na vida dos futuros homes e mulleres que van ter nas súas mans o futuro de todos nós, non só deles mesmos senón tamén de todos os que con eles conformamos unha sociedade que pode ser vivible, que pode ser preciosa ou pode ser insufrible. Tal como están a discorrer as cousas máis ben parece que nos espera un futuro cheo de dificultades, de incertezas, de abusos de todo tipo, de predominio dos poderosos fronte a unha inmensa poboación indefensa, sen ferramentas para defenderse.
Pode un xornal dar solución para todos eses problemas? Depende. É non é unha resposta á galega. Depende dos contidos dese xornal; depende do moralidade e honestidade dos que aí escriban, comenten ou critiquen o mundo actual. Un xornal, igual que un libro pode ser todo un mundo; pode darnos satisfaccións, alegrías ou poñernos á defensiva fronte aos perigos que nos atacan. Claro que ten que ser un xornal no que os valores morais, cívicos e solidarios conformen o seu corpus informativo. Non pode ser un xornal que estea ao servizo dos que nestes momentos teñen o mundo nun puño; dos que coartan a liberdade de expresión porque non lles interesa que coñezamos as súas falcatruadas, os seus espolios, os seus roubos de luvas brancas. Un xornal que teña no seu frontispicio, como lema, como liña de conduta a verdade, toda a verdade e nada máis que a verdade.
É isto posible? Claro que é posible, non o están vendo. O único problema para que isto non sexa posible, normal e que nos entreguemos sen loitar, que sigamos a estela dos que non moven un dedo por ninguén se ese dedo non vai envolto nun billete de determinado valor monetario. Pero se mantemos a mirada limpa, se nos negamos a aceptar como única solución aos nosos problemas aquilo que nos ofrecen sen esforzo, aquilo que nos dan xa dixerido para que non teñamos problemas dixestivos, entón si que atopamos solucións. Cada un de nós somos o centro do universo; nun só do noso particular universo, senón do universo global, total. O mundo está formado de pequenas partículas asociadas que lle dan vida. Cada unha desas partículas somos cada un de nós. Onde o mundo se chama Celanova, dixo o poeta; onde o mundo se chama ti e máis eu, dicimos nós.
Hoxe traemos ao mundo unha nova criatura. Xa non nos queda moito tempo para amamantala. Ao noso particular reloxo biolóxico vánselle consumindo as pilas. Confiamos en que os que veñen detrás saiban valorar o que pretendemos defender; non para que nolo agradezan porque o facemos libremente e con sumo gusto, senón para que se arremanguen, poñan o mono de obra do traballo feito con cariño, fe e ansias de darlle ás futuras xeracións un mundo mellor.
Que vostedes o vexan. Verémonos o próximo ano para apagar dúas novas velas de esperanza e fe no futuro.