“O noso maior logro foi consolidar un modelo recoñecido pola UNESCO”

Santiago Veloso | Presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas!

Creada en 1995 como un “experimento”, Santiago Veloso é un dos fundadores e actualmente presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte…nas Ondas!” (PNO!), recoñecida en 2022 pola UNESCO como Modelo de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). Co gallo do seu 30º aniversario a celebrarse este 26 de marzo repasamos varios dos momentos máis importantes desta entidade que impulsa o recoñecemento mundial do patrimonio oral inmaterial galego-portugués.

Como lembras aquela “voda real” que se organizou entre un “príncipe portugués” e unha “infanta galega”, antecedente de Ponte… nas Ondas!?
A semente de Ponte…nas Ondas! foi un acto que fixemos en Leirado (Salvaterra). Eu viña de ser profesor de galego en Mondariz e no ámbito pedagóxico estaba moi de moda o vídeo escolar. Aí fixera un proxecto denominado “Castrexos e Romanos” que era a recreación da romanización dun castro realizado no de Troña e que recibiu un premio da TVE.

En 1993 marchei para Leirado e Guillermo Rodríguez animoume a facer unha iniciativa similar con Portugal. Fumos así a Monção e fixemos na escola secundaria un vídeo denominado “Os amores que o Miño separa”, baseado nun poema de João Verde e réplica de Amador Saavedra. Presentamos o proxecto á TVE para un concurso de guións. Foi seleccionado e preparamos a escenografía para filmar o día que viña o equipo da TVE. Na praza de Salvaterra, onde estaba o Concello vello, organizamos unha especie de mercado medieval onde chegaba un príncipe portugués con toda a súa delegación, que eran os alumnos da Escola Preparatoria de Monção, a casar coa princesa galega onde estaba todo do CEIP de Leirado, uns 200 rapaces, escenificando a unión entre os dous lados simbolizado nese príncipe portugués e a infanta galega. O vídeo pode verse en YouTube.

Pensabas daquela que ese xérmolo das relacións entre os dous paises se convertiría no que hoxe coñecemos como Ponte…nas Ondas!?
En absoluto porque foi realizado o ano anterior ao que fixemos o primeiro Ponte…nas Ondas! (marzo de 1995). Ao ano seguinte marchei ao colexio Ramiro Sabell de Ponteareas e aí había un estudio para desenvolver unha radio escolar. O director do instituto animoume a facer radio como instrumento educativo. Xa daquela comezaba a falarse, e levantou moita expectación na comarca, da creación da Ponte Internacional entre Salvaterra e Monção. Pensei que a través da radio podíamos facer unha “ponte” coa escola de Monção. Ao lado desa escola estaba a emisora “Ecos da Raia”, unha radio local profesional. Esta emisora colaborou tamén coa instalación dunha antena de radio na escola Ramiro Sabell para conectar vía FM con Monção. En Salvaterra fixemos un estudio radiofónico na Casa da Cultura e conectamos coas escolas de ámbalas dúas comarcas para facer a inauguración da Ponte Internacional simultaneamente cos actos institucionais. Éramos 16 centros educativos en total e a programación radial durou das 10 am ata as 11 pm.

Cres que nestes momentos sería posible poñer en marcha algo semellante a Ponte… nas Ondas! no ámbito educativo?
Claro que é posible e con moitas máis facilidades técnicas. E de feito ímolo facer o 26 de marzo, con motivo do 30 aniversario de PNO! Participarán 65 centros dende 8 lugares de Galicia e Portugal nunha xornada radiovisual, a radio por Internet, un concepto que creamos. Incluso se buscas na Intelixencia Artificial verás que fai referencia a PNO! como pioneiro en radiovisual.

Ponte…nas Ondas! chega aos seus 30 anos. Que logros máis importantes destacarías durante esta etapa?
O gran logro é consolidar un modelo que foi recoñecido pola UNESCO. Partimos en 1995 cun experimento denominado como Xornada Experimental de Radio Interescolar, ata consolidar un modelo de patrimonio cultural inmaterial grazas á achega de miles de profesores co seu traballo nas aulas coa radio e o patrimonio, as novas tecnoloxías e a comunicación. Ese modelo foi proposto á UNESCO polos dous Estados, España e Portugal, e o principal recoñecemento vén dado por un labor de avaliación exhaustivo que implica que ese modelo sexa replicable en calquera contexto noutras partes do mundo. Outros recoñecementos foron tamén importantes porque axudaron a reforzar o traballo dos centros educativos.

“Agora falta recoñecer o esencial que é o patrimonio común inmaterial entre Galicia e o Norte de Portugal”

Tras alcanzar en 2022 o Modelo de Boas Prácticas pola UNESCO, podemos agardar pronto o ansiado recoñecemento como Patrimonio Cultural Inmaterial?
Agardamos que si. Unha parte importante do noso traballo foi poñer en valor o patrimonio inmaterial, un concepto descoñecido e totalmente novidoso no ámbito educativo e social. Hai que tomar en conta que foi unha candidatura promovida por centros educativos e institucións deses dous países, non só polos Estados senón tamén pola Xunta de Galicia que avalou esa candidatura en 2004 para que o patrimonio inmaterial galego-portugués fora declarado como Patrimonio da Humanidade. E así, en 2022, o noso modelo foi recoñecido pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. Agora falta recoñecer o esencial que é o patrimonio común inmaterial entre Galicia e o Norte de Portugal.

Que programación está prevista para este 30 aniversario?
O día 26 de marzo calquera persoa poderá ver desde o noso portal de PNO! e o de Escolas nas Ondas o radiovisual que se está a facer en Lisboa, Valença, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago e Vimianzo. Será protagonizado por máis de 2.500 alumnos en directo; e persoas portadoras do patrimonio inmaterial de diversos ámbitos (musical, artesanal, oficios, baile, narradores). A programación farase desde as 10 am ata as 15 horas en auditorios, centros culturais, o Instituto Español de Lisboa, universidades e pazos de Cultura.

Cada vez mais centros educativos súmanse ao programa de PNO! Está aumentando a sensibilidade no mundo educativo e cultural sobre a preservación do patrimonio inmaterial galaico-portugués?
Evidentemente, tanto o patrimonio inmaterial como a radio. Agora mesmo a radio escolar é un boom en tódolos centros. A escola está integrando o patrimonio inmaterial nas prácticas educativas e pedagóxicas como un recurso transversal porque é tamén unha das liñas que impulsa a UNESCO. Pola súa proxección mundial, o patrimonio é tamén unha fonte de recursos para concienciar aos máis novos.

Neses programas de radio, cales son as temáticas principais que tocan os alumnos galegos e portugueses?
Prácticas de interese común como deportes, música, a vida cotía, os valores culturais da súa contorna, as festas, tradicións, xogos, etc.

“Imos publicar un Cancioneiro da Tradición Oral galego-portuguesa”

Dende outras partes de España fronteirizas con Portugal teñen visto tamén este modelo de PNO! como unha referencia?
Absolutamente confirmado. No caso de Andalucía ven con admiración o noso traballo, especialmente antropólogos que traballan no Atlas do Patrimonio Inmaterial de Andalucía, considerado un referente mundial. E así nolo fixeron ver en 2023 cando viñeron ao Congreso “PCI e Educación. Ponte entre Escola e Sociedade” en Ourense algúns deses antropólogos andaluces. En Estremadura teñen un programa de radio escolar moi potente con Portugal e tamén nos ven como unha referencia. Obviamente, nós temos unha vantaxe con Portugal por ter un idioma “franco” que convive espontaneamente. O idioma de Ponte…nas Ondas! é o galego-portugués. E PNO! pode contribuír entre a mocidade a que o galego siga vivo a través da transmisión oral radiofónica.

Mirando ao futuro, que novos proxectos ten en mente PNO!?
O que máis nos gustaría é que se consolidara esa rede de centros que traballan co modelo PNO! porque consideramos que son un referente mundial sobre o patrimonio inmaterial no ámbito educativo. A Consellería de Educación está creando esa rede en Galicia e o Ministerio de Educación de Portugal está formando profesores co modelo PNO!. Son dúas formas de divulgar o modelo PNO!.

Entre Galicia e Portugal sempre imos ter unha fonte inesgotable de proxectos culturais. Un dos nosos soños é a concreción do Centro do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na Alfándega de Valença cunha ponte á Radio Municipal de Tui. Asinamos con anterioridade un memorando de colaboración coa AECT Rio Minho.

“Un dos nosos soños é a concreción do Centro do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na Eurocidade Tui-Valença”

Imos publicar un Cancioneiro da Tradición Oral galego-portuguesa, tomando en conta que o vindeiro Día das Letras Galegas estará adicada á literatura oral. Quizáis en Galicia e no Norte de Portugal non haxa moita conciencia de que existe un cancioneiro común, con letras comúns que se cantan igual aquí que en Ponte de Lima, Braga ou Porto. Estas cantigas das nosas cantareiras e as “desgarradas” portuguesas son as que imos recoller nese cancioneiro común. Porque queremos que este Día das Letras Galegas 2025 sexa o Día das Letras Galego-Portuguesas e que no Norte de Portugal tamén se celebre.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.