O noso patio

 

A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, –acompañado das concelleiras de Xustiza Social, Silvia Cameán, e de Participación, Claudia Delso– recibiu a alumnado, profesorado e familias do CEIP Sanjurjo de Carricarte, que lle amosaron a maqueta realizada das actuacións que queren levar a cabo nos patios do centro. Todo, dentro dun proceso participativo e transversal posto en marcha polo Concello e denominado ‘O noso patio’ que busca coñecer de xeito directo a opinión e preferencias da comunidade educativa. O alcalde destacou “a inversión histórica” en reparacións e mantementos dos centros educativos feita polo Concello durante o pasado ano, así como a elevada cantidade reservada no proxecto orzamentario para este exercicio. “Unimos con este proxecto a nosa aposta por unha educación pública de calidade, co dereito da cidadanía a incidir na toma de decisións das administracións”, dixo.