Ponteareas | Dende o CPR Plurilingüe “La Inmaculada” de Ponteareas quixemos contribuír á saída desta crise sanitaria, impulsando unha vez máis na nosa comunidade educativa os valores que día a día transmitimos nas aulas. A empatía, a solidariedade e o respecto puxéronse de manifesto de inmediato cando decidimos poñer en marcha este proxecto ao que chamamos “Estamos Xuntos Nisto”.
A idea era facer chegar unha mensaxe de gratitude a todos aqueles que cada día poñen a súa vida en risco, para garantir o bo funcionamento dos servizos máis esenciais da nosa sociedade, e de alento aos nosos maiores, desgraciadamente situados en primeira liña do tráxico paso que deixa este virus.
Para iso, botamos man do noso ben máis prezado, os alumnos e alumnas do Centro, hoxe inxustamente chamados vector de contaxio, que baleiraron as nosas aulas, silenciaron os nosos parques e viron a súa alegría cruelmente embotellada nos fogares que os manteñen confinados.
A implicación de todos eles foi inmediata e, dando renda solta á súa imaxinación, crearon cartas, debuxos, poemas, contos… e impregnaron en cada trazo a tenrura, a inocencia e a ilusión que atesoura a nenez e que nos arrebatou o coronavirus.
E toda esta manifestación de amor contida nos centos de traballos realizados foi entregada, polo persoal do concello, aos principais protagonistas na loita contra o COVID19 no noso pobo (Persoal Sanitario, Policía Local, Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil, Persoal de Tendas de alimentación, Persoal de limpeza, Farmacéuticos…), así como aos usuarios da Residencia de Maiores Santa Ana, que representan ao grupo de poboación máis vulnerable nesta pandemia, símbolo dunha vida de traballo e sacrificio, e que reciben un novo golpe inesperado, esta vez privados da calor dos seus seres máis queridos.
Aquilo que comezou como un proxecto educativo, rematou sendo unha vía de escape aos nosos desexos, esperanzas, soños, inseguridades, medos e frustracións, facendo que nos sintamos enormemente satisfeitos pola felicidade coa que os destinatarios acolleron as mensaxes dos nosos alumnos e alumnas, demostrando sentirse moi arroupados e agradecidos.
E este sentimento facémolo extensivo a todos os cidadáns de Ponteareas e do resto de poboacións para que sigamos unidos, esperando nas nosas casas ata que nos permitan recobrar a nosa ansiada liberdade.
E que outra cousa poderían contaxiar os nosos pequenos, se non esperanza?
Colexio Plurilingüe “La Inmaculada” Amado Garra No 2 Teléfono/Fax 986 64 00 65 36860 Ponteareas. Páxina web.