Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús Urbano de Monforte no período que vai dende o inicio da súa actividade, o pasado 1 de febreiro de 2020, e ata o 31 de xaneiro de 2021.
Deste xeito, o Alcalde sinalou como dato máis relevante que “o novo bus urbano de Monforte transportou, nos últimos 12 meses, un 140% máis de persoas que en 2019. En números absolutos, mentres que en 2019 foron 14.422 os usuarios, en 2020 ascenderon ata 34.665, o que supón 20.233 persoas máis que en 2019, todo un éxito para este novo servizo de trasporte público municipal.”
Hai que ter en conta ademais que o servizo do bus urbano estivo suspendido en Monforte por un período de case dous meses, en concreto entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno de España a raíz da crise do COVID-19. Polo tanto as cifras aportadas polo Alcalde para 2020 son sobre 10 meses de servizo, fronte ós 12 meses de funcionamento en 2019.