O Pereiro de Aguiar | A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na inauguración do Centro de Información á Muller (CIM) Padre Feijóo de Pereiro de Aguiar que, xunto ao de Carballeda de Avia (tamén novo), permite contar na provincia de Ourense con 17 CIMs e 84 en toda Galicia.
Os dous novos centros tamén posibilitan a atención en 58 concellos ourensás, xa que, por exemplo, o de Pereiro de Aguiar agrupa ás localidades de Esgos, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz e Parada de Sil. “Todos estes centros suman esforzos e proporcionan unha atención específica e especializada ás mulleres de Ourense”, apuntou Lorenzana.
O CIM Padre Feijóo xa atendeu medio centenar de consultas relacionadas co asesoramento xurídico, psicolóxico, información de recursos e atención á vítimas de violencia de xénero. Neste sentido, a conselleira puxo en valor o traballado diario que realiza o persoal dos centros de información á muller e destacou que no ámbito da violencia de xénero ofrecen recursos de prevención e sensibilización, dous eixos nos que, en palabras de Lorenzana, xira a política da Xunta para loitar contra esta lacra social.
“O CIM Padre Feijóo xa atendeu medio centenar de consultas relacionadas co asesoramento xurídico, psicolóxico, información de recursos e atención á vítimas de violencia de xénero”
Sinalou que o apoio da Xunta a estes centros é, polo tanto, “prioritario”, xa que ofrecen unha axuda próxima ás mulleres e, por iso, indicou que o Goberno galego leva investidos case 27 millóns de euros aos CIMs nos últimos 7 anos, ofrecendo servizos a unha media de 9.100 mulleres ao ano.
Programas de axudas
A conselleira, así mesmo, indicou que a Administración autonómica aposta por políticas públicas que permitan estar ao carón das mulleres que o precisen e ofrecerlles unha atención integral e continuada. Ao respecto, resaltou que Galicia é a única comunidade autónoma do Estado que ten articuladas prestacións periódicas que axudan ás vítimas que sofren violencia de xénero e están desempregadas a dar o primeiro paso para lograr a independencia económica do seu maltratador.
“Esta actuación compleméntase con outros apoios económicos da Xunta como son os programas de inserción laboral, que se realizan a través de entidades sen ánimo de lucro, ou as axudas aos concellos para promover a contratación das mulleres vítimas de violencia de xénero”
Esta actuación compleméntase con outros apoios económicos da Xunta como son os programas de inserción laboral, que se realizan a través de entidades sen ánimo de lucro, ou as axudas aos concellos para promover a contratación das mulleres vítimas de violencia de xénero. “O noso traballo parte dos principios de transversalidade e colaboración”, engadiu Lorenzana.
Así mesmo, indicou que os concellos teñen a seu disposición un millón de euros para o desenvolvemento de accións de sensibilización e promoción da igualdade, así como de prevención de violencia de xénero no ámbito local. O Goberno galego, ademais, inxecta aos concellos un millón de euros destinado ao fomento da conciliación.
En definitiva, a conselleira apuntou que a atención especializada e específica á muller é unha prioridade para a Xunta de Galicia, así como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para acadar “unha Galicia máis igualitaria”.