Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou hoxe con motivo da primeira Xunta de Goberno do novo mandato que se realizará unha avaliación interna sobre o estado das contas públicas. Así o anunciou na rolda de prensa posterior á súa constitución, na que ademais deu conta doutros asuntos de interese para a provincia.
Segundo explicou, “trátase de expoñer, con transparencia e sen valoracións a priori, os recursos dos que dispoñemos para atender ás necesidades dos municipios e, por extensión, dos cidadáns de Pontevedra”.
López, que compareceu acompañado polos vicepresidentes Marta Fernández-Tapias e Rafael Domínguez, comprometeuse a dar conta do estado actual destas partidas unha vez sexan analizadas “polo miúdo”.
“Creo que os cidadáns de Pontevedra merecen saber os recursos que se investiron e o marxe de manobra do que dispoñemos para executar actuacións ata a aprobación do vindeiro orzamento”, concluíu o presidente provincial.
Constituída a Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra que rexerá o funcionamento da institución provincial nos vindeiros catro anos acaba de quedar constituída. O órgano colexiado estará presidido por Luís López e, amais doutros sete deputados provinciais, participarán como vogais os vicepresidentes Marta Fernández-Tapias e Rafa Domínguez. “Todos os membros da Xunta de Goberno vimos de distintos puntos da provincia de Pontevedra pero únenos a provincia. Aquí estamos todos para dar o mellor de nós, para servir e para intentar mellorar a vida de todos os pontevedreses” remarcou o presidente.
A partir deste momento, cada venres ás 11:00 horas terán lugar as reunións en sesión ordinaria da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Xunto ao presidente e vicepresidentes, forman parte do órgano en calidade de vogais os deputados provinciais Roberto Carrero, alcalde da Guarda; Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas; Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade; José Carlos López Campos, alcalde da Estrada; Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; María Pilar Ramallo, alcaldesa de Marín; e Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona. Ademais, tamén integrarán a Xunta de Goberno o secretario da Deputación, Carlos Cuadrado, e o interventor, Antonio Graña, “aos que lles quero agradecer publicamente a súa colaboración nesta sempre complexa etapa e momento de traspaso de poderes”, subliñou o presidente.
A Lei 7/1985 de 2 de abril de Bases do Réxime Local ten establecido que a Xunta de Goberno se trata dun órgano necesario que debe existir en todas as deputacións provinciais. Segundo a citada lei, entre as súas competencias atópanse a asistencia ao presidente no exercicio das súas atribucións así como as que este delegue ou marquen as propias leis.
Achegas para Covelo, Salceda e Tomiño por 380.000€
A primeira Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra do mandato de Luis López acaba de aprobar a concesión de achegas por valor de 378.442 euros a tres concellos da provincia. Trátanse de Covelo, Salceda de Caselas e Tomiño que, con estes recursos, executarán obras de diferente índole, dende reparacións de colectores de augas pluviais ou reposición de firmes ata a construción de muros de contención ou canalizacións.
Como informou o presidente provincial, Luis López, en rolda de prensa, o concello de Tomiño recibirá unha achega de 139.488 euros para reparar o colector de augas pluviais situado nun camiño municipal ao seu paso polo núcleo do Mosteiro, na parroquia de Santa de María de Tomiño. O concello reparará tamén o camiño de servizo.
No caso de Salceda de Caselas, a achega de 135.487 euros da Deputación permitirá levar a cabo obras en diferentes parroquias. Así, o concello reporá a rede de abastecemento na parroquia de Picoña e instalará novo firme no camiño municipal; arranxará taludes, construirá un muro de contención, efectuará a reposición de firmes no camiño e formará unha cuneta de formigón na parroquia de San Xurxo, concretamente no lugar de Curuxeiras, e construirá dous novos pozos de rexistro e realizará a reposición de firmes no lugar de Cerquido, na parroquia de Budiño.
Finalmente, Covelo vai recibir 103.106 euros para actuar na Bugariña, na parroquia de Godóns, onde restaurarase un talude para garantir a estabilidade e seguridade viaria do camiño de acceso ao lugar, reconstruiranse canalizacións e arquetas e aumentarase a capacidade de evacuación das augas pluviais. Na Carballeda, na parroquia de Santiago de Covelo, reporanse tubos danados de canalización dun regato que pasa por debaixo do camiño de acceso ao lugar. Por último, en Lourido, na parroquia de Casteláns, reconstruirase o muro de contención do parque infantil e campo de festa e reporanse canos danados. Ademais, canalizaranse as augas procedentes dos montes da Cabezuda ao seu paso polo viario de acceso ao Cemiterio Municipal de Casteláns.