Salvaterra de Miño | “Salvaterra Emprega III” o novo obradoiro de emprego no Concello de Salvaterra de Miño dará comezo previsiblemente a finais de novembro. Un plan co que se busca fomentar o emprego e que conta cunha financiación de máis de 500.000 euros en colaboración coa Consellería de Promoción o Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
O obradoiro, que terá unha duración de 12 meses, dará emprego a un total de 25 persoas desempregadas. Serán 20 as que se formen e capaciten nas especialidades formativas ofertadas do ámbito forestal e xardinería e 5 as que formarán parte do equipo directivo do obradoiro.
O fin último é mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas do municipio. A través de Emprega III o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en si. Ademais, tal e como se fixo en anos anteriores, sendo este o terceiro consecutivo, no apartado de fortestal mantense a colaboración coa Comunidade de Montes de Pesqueiras. O único requisito para participar no obradoiro é estar dado de alta na oficina de emprego de Ponteareas como demandante de formación nas ditas especialidades. Non se pedirá formación previa e os colectivos con máis dificultade na inserción laboral terán prioridade.
Campus de conciliación de Nadal
O Concello de Salvaterra presenta o Campus de Conciliación de Nadal. A inscrición, por orde de entrada no rexistro, comeza o 14 e remata o día 21 de novembro.
Co inicio das vacacións de Nadal nos centros escolares moitas familias atópanse con grandes dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. É por iso que o Concello de Salvaterra de Miño, como ven facendo durante xa varios anos, realiza dentro do seu programa de conciliación o Campus de Nadal.
Dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2012 e 2020 cun máximo de 55 prazas, levarase a cabo durante os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro nas instalacións do CEIP Infante Felipe.
O horario será de 09:00 a 14:00 horas coa posibilidade de aula matinal cun mínimo de 10 nenos en horario de 07.30 a 9.00h.
O prezo do campus é de 25 euros e 20 euros para a aula madruga. As solicitudes formalizaranse entre o 14 e ata o 21 de novembro ou ata esgotar prazas a través de sede electrónica (un rexistro por cada neno ou nena) ou ben por rexistro de entrada no Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas.