Non tardou o recén investido xefe de goberno en axilizar a súa axenda internacional. E fíxoo viaxando ao centro do conflito actual: Oriente Próximo. A visita de Pedro Sánchez a Israel, á Autoridade Nacional Palestina (ANP) e Exipto coa pretensión de relanzar un cumio mediterráneo para a paz en Oriente Próximo, émulo da Conferencia de Madrid de 1991, tivo efectos agridoces para os obxectivos de Pedro Sánchez.
Por ben necesario que era criticar fronte ao presidente Isaac Herzog e o primeiro ministro Benjamín Netanyahu a ofensiva militar en Gaza e os “inaceptables milleiros de palestinos mortos” ante tal desproporcionada resposta israelí a poucas horas de comezar a tregua con Hamás auspiciada por Qatar, toda vez defende a idea dos “dous Estados”, Sánchez topouse cunha dura realidade.
Co beneplácito da Unión Europea (non debemos esquecer que España ocupa ata o vindeiro 31 de decembro a presidencia rotativa da UE) e acompañado polo primeiro ministro belga Alexander de Croo, é preciso salientar os ben intencionados esforzos de Sánchez por pretender darlle un xiro a unha crise Israel-Hamás de final incerto. Pero estas expectativas merecen tamén un exercicio de realismo político como mecanismo que permita impulsar, con maior asertividade, a posibilidade dunha negociación de paz.
Mentres Europa debate con forte polarización a lei de amnistías de Sánchez e a ultradereita volve ao poder en Países Baixos, a idea dese cumio mediterráneo vese opacada ante a negativa israelí. A posterior crise diplomática entre Israel e España trala visita de Sánchez confirma esa intransixente política israelí. Tel Aviv sabe que, pese a posibles críticas “off the record“, ten a Washington ao seu carón. A priori, o eixe EEUU-Israel sae moito mais reforzado con esta guerra en Gaza, acrecentando así a histórica impunidade israelí. Por esta vía Washington tenta recuperar esferas de influencia e a iniciativa en Oriente Próximo. Pero estas expectativas estadounidenses, como as de Sánchez, tamén merecen unha reflexión en clave realpolitik. É igualmente palpable que EEUU e Occidente xa non levan a “voz cantante” para decidir os asuntos rexionais e que a masacre de civís en Gaza deixa en evidencia o “dobre raseiro” do discurso moral occidental, cando menos se o comparamos coa posición oficial que ten na guerra ucraína.
Toda vez, a diplomacia qatarí tenta gañar peso xeopolítico a través dun instrumento, a mediación, que xa lle ten funcionado noutros escenarios como Afganistán, Iraq, Siria e mesmo tamén en Palestina. A diferenza quizáis de EEUU e de Europa, Doha ten maior capacidade para manexar os ásperos equilibrios rexionais: por tomar un exemplo, a dirixencia de Hamas está instalada na capital qatarí dende fai varios anos, un feito que determinaría o ascendente que pode ter a diplomacia qatarí sobre os líderes do movemento islamita.
“Como seguramente poido apreciar Sánchez na súa xira, o taboleiro xeopolítico en Oriente Próximo cambiou drasticamente (e non exactamente a favor de Occidente)”
Qatar e, en menor medida Arabia Saudita, teñen peso para convocar aos actores en confrontación (Israel e Hamás) pero tamén aos colaterais (Irán, ANP, Turquía, incluso China e Rusia) en caso de que finalmente a crise se dirima nunha conferencia rexional. Como seguramente poido apreciar Sánchez na súa xira, o taboleiro xeopolítico en Oriente Próximo cambiou drasticamente (e non exactamente a favor de Occidente) nos últimos tempos e a guerra en Gaza non fixo senón acelerar eses cambios.
Por tanto, o Orient Express de Sánchez foi unha boa iniciativa como toma de contacto, simbólico por demais, para pulsar a crise de seguridade máis importante do momento. Pero evidenciou os seus grises na pretensión central do seu impulsor: erixirse como un mediador eficaz para propiciar un cumio de paz que hoxe está máis pendente de como terminará a escalada militar e da recomposición de pezas xeopolíticas rexionais, alén da crise humanitaria.
Como xa fixera con anterioridade nas súas viaxes a Beijing e Kiev en medio da guerra ucraína, Sánchez buscou en Oriente Próximo un protagonismo que nin España nin Europa parecen estar capacitados para asumir e impulsar, pola vía diplomática, un xiro copernicano que free a interminable masacre palestino-israelí.
Propietario da foto: eldiario.es.