Santiago de Compostela | A Xunta de Galicia destinou no ano 2022 preto de 120.000 euros a executar e planificar diferentes actuacións de coidado e posta en valor no Parque Natural Monte Aloia.
Así foi exposto na reunión da xunta reitora do parque, celebrada hoxe co obxectivo de facer balance da xestión realizada durante o exercicio pasado e na que participaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o xefe territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Pontevedra, José González.
Ademais, se a esta contía se engaden os investimentos que xa foron executados no que vai de ano e as previsións para este último trimestre, o esforzo económico da Xunta neste espazo natural podería acadar os 300.000 euros no período 2022-2023, unha cifra que supera o orzamento inicialmente previsto no propio Plan reitor de uso e xestión (PRUX), tal e como explicou a directora xeral.
Na mesma liña, destacou durante a súa intervención os esforzos que a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dedica a este espazo. Así, o investimento destinado —que non recolle os gastos correntes e de persoal—, permite realizar unha gran variedade de actuacións, estudos e servizos dirixidos ao coidado e posta en valor do Parque Natural Monte Aloia.
Máis polo miúdo, entre estas accións destaca o mantemento e sinalización das súas sete sendas, a colocación de folletos e cartelería por todo o parque, o control e eliminación de especies exóticas invasoras, a posta en marcha do programa de seguimento de bolboretas e outros insectos, o mantemento das infraestruturas de uso público ou os labores de limpeza e roza, entre outras.
Así mesmo, no eido puramente divulgativo, deseñáronse e executáronse campañas para a promoción do turismo de natureza sostible. Tamén accións de educación ambiental como o programa de voluntariado interxeracional ambiental, responsable dos labores de mantemento levados a cabo no Castro do Alto dos Cubos no verán de 2022.
Ademais, a directora xeral destacou as boas cifras de visitantes que o parque acadou ao longo do ano pasado. Entre xaneiro e decembro, preto de 5.300 persoas pasaron polo centro de interpretación, a nivel individual e en grupo. Non obstante, como tamén matizou Belén do Campo, o número real é moito máis alto, xa que non todos se achegan ata o centro polo que, con toda seguridade, a cifra superaría os 31.000 visitantes.
O parque natural galego máis antigo
O Monte Aloia é o parque natural galego máis antigo, xa que foi declarado en 1978. Situado no límite sur da Serra do Galiñeiro, no concello de Tui, un dos seus grandes atractivos son as vistas panorámicas dos vales do Miño e do Louro, polo que resulta un destino moi interesante para os visitantes que busquen gozar da natureza e das actividades ao aire libre.