Psicólogos condutistas, de recoñecido prestixio mundial, están animando aos dirixentes e votantes do Partido Popular a que se sometan á terapia Ludovico, que tanto éxito tivo con Alex De Large, protagonista da Laranxa Mecánica.
Alex era un amante da ultraviolencia. Gozaba asasinando, mallando, roubando, torturando e violando. Despois de cada unha das atrocidades que cometía, chegaba a casa e escoitaba a Ludvig Van Beethoven, para intensificar aínda máis o pracer que estas lle producían. Cando foi capturado pola policía, aplicáronlle o método condutista Ludovico. Atábano a unha cadeira, inxectábanlle Sérum, unha droga que lle provocaba un sufrimento salvaxe, a continuación púñanlle tenazas nos ollos, para que non puidera pechalos e obrigábano a ver imaxes de brutalidade extrema. O obxectivo da técnica era que relacionase a dor, que padecía baixo o efecto da droga, coas brutais imaxes, para que a violencia, en vez de pracer, lle provocase aversión.
Na pantalla, mentres vomitaba e berraba, observaba malleiras, violacións, bombardeos aéreos, edificios en chamas e demolidos, tanques, soldados derrubando a patadas as portas das casas de xente inocente, e tamén a Hitler desfilando fronte ao exército nazi.
“Tratar de que [o método] Ludovico poida ser aplicado de forma masiva e simultánea a millóns de persoas que votan ao PP, partido incapaz de empatizar co pobo palestino, que está sendo vítima dunha limpeza étnica”
Como o éxito da terapia foi rotundo, este gabinete de psicoloxía internacional, seguiu aplicándoa ata a actualidade. Por iso, agora quere asumir un reto aínda máis complexo: tratar de que Ludovico poida ser aplicado de forma masiva e simultánea a millóns de persoas que votan ao PP, partido incapaz de empatizar co pobo palestino, que está sendo vítima dunha limpeza étnica. Saben que modificar a conduta de quen non condena a morte de máis de 35.000 persoas en 4 meses, non é unha empresa doada. “Lo que no puede ser es que quienes provocan se hagan ahora los ofendidos” asegurou, hai uns días, o alcalde de Madrid. Segundo estas declaracións, parece ser que os palestinos son os culpables do seu propio exterminio. Para máis escarnio, aos que se manifestan en contra da barbarie sionista, acúsanos de estar do lado do grupo terrorista Hamás.
Por outra banda, o programa Ludovico, acaba de renovar o arquivo de imaxes para gañar en efectividade. O material proxectado é de máis calidade e actualízase a diario, xa que as escenas, que proceden da masacre da poboación gazatí, son en rigoroso directo. Os resultados das modificacións están sendo asombrosos. A observación de milleiros de persoas baixo escombros, corpos amputados, enfermos, famélicos, sedentos, de soldados e colonos israelitas disparando á poboación para divertirse … producen tal rexeitamento nos pacientes que, os que deciden tumbarse no diván, acaban recuperándose en poucos días.
Segundo os médicos, a brevidade do programa, o conseguinte aforro económico, a gran probabilidade de éxito e o clamor da meirande parte do país, que non da crédito á indiferenza que amosan cada vez que lle preguntan pola masacre, servirá de estímulo, para que os dirixentes e votantes do Partido Popular decidan someterse á terapia condutista, a mesma que fixo famoso a Pávlov por conseguir que o seu can salivase cada vez que o seu amo lle tocaba a campá.