O Porriño | O Partido Popular do Porriño segue mentindo con obscenidade e, o que é máis perturbador, estando á vista de todos os cidadáns os datos oficiais que recolle o Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Consellería de Economía, Traballo e Industria da Xunta de Galicia, todos eles organismos dirixidos polo Partido Popular.
O novo presidente do PP do Porriño debería ser máis prudente e, dende logo,moito máis humilde cando fala dos datos do emprego na vila, considerando que a súa xestión á fronte da Concellería de Emprego foi unha catástrofe, como acreditan as cifras difundidas por eses mesmos organismos públicos administrados polo seu propio partido.
O señor Manuel Alejandro Lorenzo non so non creou postos de traballo nos seus 5 anos á fronte da Concellería de Emprego-acabou a súa xestión con 2.139 parados, 20 máis dos que había no Porriño cando entrou no Goberno local- senon que levou o desemprego a un pico do 31,58%, preto da terceira parte de todos porriñeses en idade de traballar.
Con todo, o peor foi o feito de que se aproveitase do paro para facerse autobombo e xogar coa necesidade de persoas que estaban buscando un traballo, montando o que se denominaron ‘Feiróns’ de emprego no que centos de persoas entregaban o seu Curriculum Vitae co compromiso de que chegaría ás empresas.
Centos deses curriculums apreceron amoreados nunha oficina do Pavillón Municipal de Deporte, ocupada por unha persoa da máxima confianza do novo presidente do Partido Popular do Porriño-daquela concelleiro de Emprego-, tal e coma consta nun parte da Policía Local.
Os devanditos CV non chegaron a empresa algunha e se agocharon, ainda metidos nas súas carpetas orixinais ou en outras co logotipo de Porremprego, nesa oficina cos datos dos ‘candidatos’ á vista de calquera.
Se eses son os plans de emprego nos que cree o señor Lorenzo, este Goberno local está por unha laboura seria de verdade, como amosan as cifras oficiais: hoxe hai anotadas 1.879 persoas na oficina de emprego da vila, 184 menos que cando este Goberno empezara a súa xestión, e unha taxa de paro do 20,7%, catro puntos menos que cando o señor Lorenzo deixou de ser concelleiro de Emprego.
O novo presidente do PP local, ademais, debería de tentar non faltar á verdade de xeito tan procaz dicindo que o pasado mes de marzo, en Galicia, o paro so subiu en Vilagarcía e no Porriño. Esta afirmación, coma as demais do señor Lorenzo é mentira: por desgraza, somentes na provincia de Pontevedra o paro medrou, ademais de no Porriño, en Arbo, Catoira, O Rosal, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Cangas, Moaña, Meaño, Ribadumia, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, A Illa, Barro, Pontevedra, Ponte Caldelas, Cerdedo, Redondela e Vigo.
Hoxe hai un goberno local que vai reducindo o paro paso a paso, con moito esforzo; que non despreza aos empresarios e que non vive de costas aos polígonos do Porriño, senón que chega a acordos con empresas para formar a desempregados nas habilidades que demandan as compañías que buscan persoal.
Hai un goberno local que xestiona a realización de actividades formativas con outras administración, que asina acordos con entidades privadas para crear emprego, que se interesa polo benestar das veciñas e veciños que non atopan traballo, sen mirar a súa tendencia ou militancia política, e hai un goberno local que non se adica a montar campañas de promoción propia aproveitándose da necesidade, a dignidade e a ilusión das veciñas e veciños do Porriño que están no paro.