Tomiño | Até o vindeiro 11 de xuño, poderemos visitar no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño, unha exposición moi especial: o noso patrimonio visto a través dos nenos e nenas do CRA Mestre Manuel Garcés. Un interesante proxecto no que participaron máis de 130 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, das 13 escolas espalladas por distintas parroquias tomiñesas.
“Dende o CRA valoramos a importancia de que os nenos e nenas coñezan e aprecien o patrimonio cultural, etnográfico e natural máis próximo a eles; e para tal fin dende o proxecto medio ambiental de Voz Natura xurdiu esta iniciativa en colaboración co equipo de dinamización da lingua galega”. Así explican a actividade as profesoras Mª Teresa Alonso Bouzada e Lorena Blanco Sánchez.
Este proxecto tivo varias fases, a primeira baseouse na busca de información e documentación relativa ao patrimonio da zona. Ademais contaron coa colaboración das familias que achegaron información. “Levamos a cabo esta primeira fase saíndo cos nenos e nenas ao entorno para observar in situ este patrimonio”, comentan.
Na segunda fase cada aula centrouse nun elemento do patrimonio da súa zona (muíño, estatua, escola…) que plasmou nun panel. “E unha última fase na que compartimos o noso traballo coa veciñanza coa intención de darlle a relevancia que merece a este patrimonio e dalgún xeito facer visible a escola como parte da comunidade”, indican as mestras.
O Concello cedeu un espazo no mercado municipal de Tomiño, lugar onde estes paneis estarán expostos ata o 11 de xuño, e unha vez rematada a exposición, situarase cada panel no monumento correspondente.
“Valorámolo positivamente pola implicación das familias e un coñecemento máis profundo da nosa contorna tanto por parte dos nenos e nenas como dos mestres e veciños . Pretendemos que o noso gusto e o valor polo patrimonio e a nosa contorna sexa a base da educación dos nosos pequenos e así medre neles a necesidade de preservar e seguir promovendo as nosas tradicións e defendendo o que é noso”, afirman.