O Porriño | O pavillón deportivo do IES Ribeira do Louro leva xa o nome de Tania Rodríguez Estévez, árbitra de balonmán de élite que foi alumna do centro educativo.
O acto de descuberta da placa, celebrado hoxe no instituto de Torneiros, dá cumprimento á proposta da Comisión de Igualdade aprobada por unanimidade do claustro, coa que se rende homenaxe a Tania non só pola súa traxectoria profesional e deportiva senón tamén pola súa contribución a visibilizar o empoderamento da muller en deportes maioritarios e, erroneamente, considerados masculinos.
Ao evento acudiron, ademais do alumnado do centro, a directora, Juana Muñoz, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Deporte, Educación e Igualdade, Abel Estévez e Carolina González, respectivamente, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, que foi adestrador de Tania no Balonmán Porriño durante anos, destacou dela a súa “responsabilidade, tesón e capacidade”, cualidades que garantizaban “o seu ascenso meteórico en todo o que se propoña”. Estévez quixo poñer en valor a traxectoria da porriñesa xa que “cando falamos dun deporte minoritario como o balonmán, chegar a onde chegou Tania quere decir que o fas ben. Moitas veces falamos dos teitos de cristal e estes en determinados deportes son teitos de pedra. Coa súa determinación e esforzo Tania rompeu con eles”.
Na mesma liña se manifestou a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, que desexou moita a sorte á homenaxeada en todo o que se propoña e salientou que “as mulleres que como Tania chegan a lugares onde hai pouco tempo era imposible chegar merecen todos os recoñecementos”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer a Tania como exemplo para as novas xeracións. “Mulleres como ela que loitan polo que queren sen aceptar límites nen estereotipos deben ser referentes para a mocidade de hoxe”, afirmou, “Por iso é moi importante o que hoxe está pasando aquí, demostra que ningún ámbito é nin pode ser un `mundo de homes´ e que celebrar os éxitos de mulleres como Tania é puxar pola igualdade”.
Pola súa banda, Tania agradeceu enormemente este xesto do instituto no que cursou os seus estudos da ESO e ciclo superior de Administración e Finanzas, e en xeral, o xesto do seu pobo, O Porriño. “Os meus éxitos parten do Porriño, a nosa arbitraxe nace no Balonmán Porriño e iso o teño sempre moi presente”, afirmou.
Tras ser entrevistada polos alumnos e alumnas do centro, Tania Rodríguez descubriu entre aplausos a placa co seu nome ás portas do pavillón.
Unha recoñecida árbitra de balonmán na máxima categoría
A traxectoria deportiva e profesional de Tania Rodríguez Estévez, veciña da parroquia de Budiño, está vinculada dende sempre ao balonmán. Comezou a dar os seus pasos no club porriñés, onde pechou algúns dos grandes logros deportivos do club: formou parte do equipo que se alzou co Campionato de España Xuvenil e participou na fase de ascenso do primeiro equipo, chegando a debutar en División de Honra.
Tania é unha recoñecida árbitra de balonmán e destacou por ser, xunto coa súa compañeira, Lorena García, a primeira parella arbitral de mulleres que pitou un partido de ASOBAL, a máxima categoría deste deporte. A día de hoxe, é árbitra de élite nacional e internacional.