A Coruña/Podemos Galicia | Desde Podemos Galicia queremos amosar o noso rexeitamento frontal as bases para o plan de usos das Torres de Meirás avanzado pola Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijóo, que se afasta do necesario consenso entre Administracións para transformar este símbolo do espolio franquista no Estado no que ten e debe ser: un faro da memoria colectiva e un refuxio para a cultura con maiúsculas.
Semella que os plans da Xunta pasan por facerse coa xestión exclusiva dun Pazo que o presidente Feijóo non quería reverter, por non importunar á familia Franco até que o clamor da sociedade galega forzouno a mudar a súa posición política de connivencia calada e tolerancia co espolio.
Nas bases adiantadas pola Xunta fica claro que o Goberno galego pretende edulcorar o franquismo tras da cortina de Emilia Pardo Bazán obviando que o Pazo de Meirás xa é un emblema recoñecible do fin da impunidade dos Franco e da necesidade de tomar conciencia e facer memoria histórica polos que foron e polas que virán.
“Franco non era un ‘general’ galego que casualmente veraneaba en Sada. Foi un asasino, un ditador, un golpista e ademais, un ladrón”
“Haille que lembrar ao presidente Feijóo que Franco non era un ‘general’ galego que casualmente veraneaba en Sada. Foi un asasino, un ditador, un golpista e ademais, un ladrón. O Pazo de Meirás é, indiscutiblemente, o máximo expoñente do saqueo insaciable e depredador da familia Franco ás galegas executado durante a Ditadura e consentido e amparado nas décadas de impunidade posterior”, manifestou hoxe Antón Gómez Reino, deputado galego no Congreso e Secretario Xeral de Podemos Galicia.
Que o Pazo retorne ao pobo de Galicia é unha victoria colectiva que marca o camiño para revertir o espolio franquista. Desde Podemos Galicia queremos amosar o noso respaldo ao Concello de Sada nas súas propostas de compromiso compartido entre Administracións ao sinalar que a Xunta vai na dirección errada. O pasado e a memoria de Meirás deben acompasarse coa toma de conciencia social e xustiza histórica para construír o futuro.
Non nos cabe dúbida de que o Pazo de Meirás é o principio do fin da impunidade dos Franco e da complicidade co franquismo que o Estado tiña pendente desde Transición.
Gómez Reino fixo fincapé na victoria colectiva que supón que o Pazo de Meirás retorne ao pobo un ben público e agradeceu, no concreto, o traballo imprescindible feito por tantas desde as bases ate o propio Concello de Sada, e por colectivos como a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica Democrática da Coruña.
“Estamos certos de que Meirás abriu o camiño xudicial polo que reclamaremos, como vimos facendo no Congreso desde 2015 con distintas propostas e iniciativas lexislativas, que retornen a Galicia todos os bens expropiados por un ditador golpista, sanguinario e ladrón. Faremos o necesario para que, tamén, a Casa Cornide regrese ao patrimonio municipal da cidade da Coruña”, rematou.