O Pereiro dará axudas para rehabilitación de vivendas en núcleos tradicionais

Acordo no último pleno por unanimidade de tódolos grupos

O Pereiro de Aguiar | O gran dinamismo económico e social que presenta o Concello de Pereiro de Aguiar (Ourense) é unha realidade que se reflexa na actividade inmobiliaria cos datos obtidos unha vez pechado o exercicio do ano 2024.”A recente creación do servizo de asesoramento de axudas para vivendas é un exemplo que empeza a dar os seus froitos nada mais arrancar” sostén o alcalde Luís Menor Pérez.

Ademais da baixada do ICIO ao 2%, xa adoptada en anos anteriores, e rapidez na concesión de licencias, “o último pleno do noso concello aprobou por unanimidade a proposta do equipo de goberno para incluír no vindeiro orzamento, que se aprobará con toda seguridade no vindeiro mes de marzo, unha nova liña de axuda directa a rehabilitación de vivendas situadas en núcleos tradicionais e que posteriormente se destinen a vivenda propia ou alugueiro por importe máximo de 5000 euros a cada unha”, dí o rexedor. Esta axuda, financiada totalmente con fondos municipais, é compatible con todas as que se outorgan por outras administracións; central e autonómica.

Os detalles concretos da súa concesión “serán materializados nunha ordenanza que estamos a elaborar pero sen dúbida será unha medida que axude a que vivendas actualmente abandonadas dos nosos pobos recobren vida e sigamos medrando en poboación e será retroactiva as licencias outorgadas para rehabilitación dende o 1 de xaneiro deste ano”, segundo o alcalde.

Balanzo inmobiliario
Rematado o ano 2024 os datos que acreditan o bo momento que segue a vivir a actividade inmobiliaria neste concello indican que se concederon ⁠21 licencias para obra maior: novas construcións de vivendas, naves e rehabilitación integral de vivendas. Tramitáronse ⁠13 expedientes de segregación, agrupamento e reordenación do solo que seguro suporán moitas máis constricións nun futuro inmediato. “A vivenda, unha das grandes preocupacións da nosa sociedade, é obxecto de atención e actuación continuada polo noso concello. Seguiremos contribuíndo a satisfacer este dereito primordial dos nosos veciños”, dixo o presidente da corporación municipal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.