O Pereiro de Aguiar | O pleno do Concello aprobou hoxe a cesión de terreos para que a Xunta poida ampliar o actual colexio de Primaria e construir o instituto de Secundaria e Bacharelato, tal e como acordou coa Consellería de Educación mediante un convenio.
Trátase dunha parcela de 20.000 metros onde xa se ubica o actual colexio de Primaria, que suporá a ampliación en catro unidades máis deste centro e albergará tamén o instituto.
Con esto continúa o proceso para a ampliación das dotacións de Educación no Concello de Pereiro, cuxa matrícula non para de medrar, e por iso foi tan importante a aprobación de hoxe no pleno. Os seguintes pasos serán a aceptación por parte da Xunta dos terreos, o encargo dos proxectos, ampliar o colexio, así como redactar o proxecto e licitar a obra do novo edificio.
No último mandato, a Xunta investiu máis de 500.000 euros no actual colexio. O colexio, nos últimos anos, “tivo unha forte inversión con obras como o patio cuberto (tan demandado por pais e comunidade educativa), a mellora do resto dos patios, a substitución de toda a carpintería metálica, a ampliación da cociña e a creación do bosque Ben Cho Shey. Desde logo, Pereiro non para” sostén o alcalde Luís Menor Pérez. Na foto os terreos dispoñibles para levantar o instituto.