O Porriño | O Concello de Porriño celebrou este mércores a clausura do seu Plan Integrado de Emprego (PIE), un programa que, grazas á colaboración entre a administración local, a Xunta de Galicia e os actores empresariais e comerciais do municipio, conseguiu un alto grao de inserción laboral para os seus participantes.
No acto, que tivo lugar nas instalacións de Porremprego, recibiron o seu diploma os 100 beneficiarios do programa, arroupados por representantes dos polígonos industriais e comercios locais e as técnicas do PIE, Patricia Gallego e Rosa María Molinos, responsables do desenvolvemento do programa.
O acto contou tamén coa intervención de autoridades como a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, o alcalde, Alejandro Lorenzo, o director territorial de Emprego, José Antonio Rodríguez Fachado e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, quen resaltaron a relevancia deste tipo de iniciativas para mellorar as oportunidades laborais e sociais no municipio.
Durante a súa intervención, Patricia Gallego, técnica do PIE, fixo un balance exhaustivo dos resultados do programa, facendo especial fincapé na súa transcendencia para as persoas que participaron. No mesmo sentido se expresou a concelleira, Rosario Costas, sinalando que “o noso obxectivo sempre foi proporcionar formación, orientación e oportunidades reais de emprego. O éxito de hoxe, con 79 persoas que traballaron grazas a este programa, reflicte a eficacia das políticas activas de emprego implementadas”. O programa contou con máis de 600 orientacións individuais, 705 horas de formación especializada e 112 contratos de traballo. A destacada cifra de 35 persoas que realizaron prácticas en empresas subliña tamén a relevancia do contacto directo co mundo empresarial.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, incidiu no impacto positivo deste programa para a sociedade porriñesa, resaltando que “un traballo digno non só mellora a vida das persoas, senón que tamén é a chave para garantir a liberdade e o benestar social”. Asegurou que o Concello continuará apostando por iniciativas que fomenten a formación e a inserción laboral, porque “o futuro do Porriño constrúese con esforzo, colaboración e ganas de mellorar, e as administracións estamos para construir ese futuro de oportunidades con vós”.
A implicación do sector empresarial
Unha das claves do programa foi, sen dúbida, a colaboración do sector empresarial e comercial local. No acto estiveron presentes representantes dos polígonos industriais da Granxa e As Gándaras,David Sobral e Santiago Gomara, Indalecio e da asociación de comerciantes ACIPOR, Noelia Conde, cuxo apoio e participación é clave.
O alcalde destacou a súa implicación: “O papel do sector empresarial é esencial na xeración de emprego. O apoio e compromiso dos empresarios do Porriño contribúe sempre directamente ao éxito destas iniciativas”.
Carreira Solidaria por SOS Porriño
O Concello do Porriño celebrará a tradicional Carreira de Nadal o vindeiro domingo 29 de decembro, un evento aberto a todas as idades. A proba, cun percorrido accesible de tan só 4 quilómetros, consistirá en dúas voltas ao circuíto urbano (2+2 quilómetros) e terá como punto de saída a Praza Arquitecto Antonio Palacios ás 11:00 horas.
Esta carreira non só será unha oportunidade para practicar deporte, senón tamén para mostrar o lado máis solidario do pobo. Todos os participantes deberán deixar un donativo solidario, que deberá ser unidade de produtos ou alimentos para bebés (como artigos de hixiene, cueiros, leite ou cereais) ou pasta tipo macarrón ou espiral. Estes produtos serán posteriormente distribuídos polo programa municipal de alimentos SOS Porriño entre as familias do municipio con menos recursos, colaborando así a mellorar as súas condicións durante estas festas.
A inscrición á carreira é totalmente gratuita e poderá realizarse a través da ligazón dispoñible en ecultura.net , que estará aberto ata as 23:30 h do 27 de decembro. Tamén se poderá inscribir de forma presencial o propio día do evento, na zona habilitada para tal fin preto da saída da proba, antes de que comece a carreira. Todos os corredores deberán estar na zona de saída 10 minutos antes do inicio da proba para poder colocarse de forma adecuada e garantir o bo desenvolvemento do evento. A Carreira de Nadal está organizada polo Concello do Porriño, en colaboración co Club Atletismo Porriño, que contribúe á promoción do deporte en familia e á creación de eventos que unen o deporte e a solidariedade.