A exposición, inaugurada polo secretario xeneral de Política Lingüística, estará aberta ata o día 30 deste mes
A Estrada/Madrid | A delegación da Xunta en Madrid acolle ata o 30 deste mes a mostra do pintor da Estrada, Ramiro Cimadevila Cea, “Visións dun realismo cotián”. Unha exposición que conta con preto de corenta obras cunha dobre temática moi diferenciada: por unha parte, están as paisaxes, inspiradas gran parte na Estrada e na zona do Caurel; e por outra, están as súas persoais composicións que xorden da mesma actualidade. Son dúas formas moi diferentes de plasmar e entender o momento, como as dúas caras dunha mesma moeda.
O acto de inauguración estivo presidido polo tamén estradense secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, amigo persoal do artista; e nel interviñeron o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla; o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, na súa calidade de anfitrión e o propio autor, Ramiro Cimadevila Cea.
O responsable da política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, aproveitou a súa intervención para resaltar “a estreita relación entre arte e paisaxe na construción do imaxinario colectivo galego, vencellado á lingua propia de Galicia. Proba disto é a abondosa produción que configura o noso sistema literario, desde os trobadores á actualidade, e que reflite a querencia dos autores pola paisaxe material e inmaterial galega. As palabras son vehículo da paisaxe nas obras dos grandes literatos galegos de todos os tempos: Rosalía de Castro homenaxéaa en “Cantares Gallegos”; Eduardo Pondal únea ao celtismo e ao orixe da terra; o grande Otero Pedrayo recolle a figura da paisaxe e do territorio como metáfora do país en “Arredor de si”; Uxío Novoneyra cántalle nos seus “Eidos”e Méndez Ferrín volve a ela no “Retorno a Tagen Ata”. Lingua e paisaxe únense ata tal punto que na literatura galega de vangarda aparece, da man do prolífico Amado Carballo unha corrente senlleira nunha paisaxe.
Para Ónega, que citou a Balzac, “a inspiración é a ocasión do xenio”, aínda que para Baudelaire, “a inspiración é traballar todos os días”. A pintura de Cimadevila é “inspiración e traballo”. Ten mensaxe. Hai que vela e pensala. Recordou que a Casa celebra cada ano uns 300 actos e presta especial atención á cultura e a economía de Galicia en Madrid. Tamén evocou algunhas das marabillas das terras da Estrada, “país de pazos e historia”.
Para Constenla, “é un orgullo, séntome honrado e emocionado de representar o pobo que viu os primeiros pasos e trazos do pintor e nos sentimos orgullosos ao comprobar que toda a calidade e admiración que espertaban os primeiros óleos de Ramiro, se ven referendados polo interese do público e a crítica e pola súa imparable progresión artística”.
O pintor pola súa banda, tras os agradecementos, sinalou que non tiña previsto falar da súa obra, pero si de tres sentimentos: “A Estrada, o meu pobo fálame de boas xentes, de natureza viva e amiga de quen a ama. Pontevedra, a miña provincia, úleme a mar e marisco dá Ría. E Madrid… cos seus grandes museos nos que colgan as mellores pinturas do mundo, ensíname a súa arte. Síntome moi feliz de que a miña obra estea aquí”.
A obra de Cimadevila é unha reflexión sobre a situación actual, con alusións ao deporte, a economía as relacións humanas… e chama especialmente a atención a ausencia de base en moitos dos elementos que pinta, xa que todos estás colgados, suspendidos, atados por cordas, cadeas, cordóns… xa sexan zapatos, que hai moitos de calquera tipo, xornais, que tamén abundan, ou ovos e pementos.