Ourense | O pintor sevillano Fernando Díaz Mirón, afincado en Allariz, é o gañador do XX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de ilustración, certame organizado pola Deputación de Ourense e dotado con 3.000 euros. O traballo escollido polo xurado, ilustrará o libro “Unha tenda azul cobalto”, de Antonio Yáñez Casal, gañador na modalidade de narración.
O autor presentou, baixo o pseudónimo de Discóbolo, a obra gráfica titulada “Viaxe polos soños”. No fallo, o xurado destaca a importancia deste traballo, por ser unha obra realizada de xeito manual a lapis, “que capta moi ben os feitos da narración”. Por outra banda, valoran que as ilustracións “teñen moi bos enfoques, con xogos e perspectivas diferentes, e complementan a narración sen interferir nela, o que favorece que o lector poida imaxinar a historia libremente”.
Ademais, o xurado sinala na acta a “calidade das obras presentadas” a esta edición número vinte do premio.
O xurado estivo presidido polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; actuando como secretaria Ana Malingre e como vogais David Canda, Xosé Antón Dorrío, Isabel Mociño e David Manuel Alvarado.
Pintor e docente Fernando Díaz Mirón (Sevilla, 1976), é licenciado en Belas Artes pola Universidade hispalense, na especialidade de pintura. Completou a súa formación co curso profesional de “creación de produtos multimedia”, organizado pola Confederación de Empresarios de Andalucía, e que inclúe a presentación dun proxecto nun seminario na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.
Díaz Mirón ten participado en numerosos certames de pintura e expón as súas obras en mostras colectivas. Entre outros proxectos, participa en “A viaxe dos barballocas”, unha iniciativa editorial colectiva con outros artistas. Combina a súa actividade artística coa súa actividade profesional como docente de Secundaria no IES Aquis Querquernis de Bande.