Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que o Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte de Lemos foi definitivamente inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, logo de que fora comunicada dita inscrición pola Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Encarnación Rivas, co envío do correspondente certificado de inscrición remitido ó Concello.
Deste xeito, por resolución de 25 de marzo de 2021 da Directora de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte de Lemos figura inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, concretamente na Sección II, Libro I, Tomo IV, folla rexistral 83 co número RPG/P/00017/2021, de conformidade co disposto nos artigos 88 da Lei 2 /2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 208 e seguintes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
O alcalde destaca que “tras a confirmación, o pasado xoves, da inscrición definitiva do Plan Especial de Monforte no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, contamos cunha ferramenta esencial para mellorar o noso Casco Histórico, que nos permitirá, por exemplo, poder optar a importantes axudas para a rehabilitación de edificios ou para a mellora de diferentes espazos públicos incluídos nel, entre outras moitas accións encamiñadas a rehabilitar e revalorizar o noso Casco Histórico”.
Antecedentes
Unha vez aprobado definitivamente o Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico polo Pleno da Corporación de Monforte, na súa sesión extraordinaria celebrada o día 16 de novembro do 2020, dende o Concello foi remitido o expediente de aprobación ao Rexistro de Planeamento da Dirección Xeral de Urbanismo para o seu rexistro. O 3 de decembro de 2020, o Plan Especial de Monforte foi publicado no Diario Oficial de Galicia, e finalmente o pasado 25 de marzo certificouse a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
A aprobación definitiva do Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico supón un fito histórico para Monforte, xa que por primeira vez na súa historia democrática a cidade conta cunha regulación urbanística específica, destinada a protexer o noso patrimonio histórico, artístico e cultural.
O actual alcalde, José Tomé Roca, e o seu equipo de goberno, comezaron a traballar no Plan Especial en xuño de 2015, momento no que se reactivaron os traballos para a elaboración do mesmo. No mes de outubro, dende a Dirección Xeral de Urbanismo aceptaron a solicitude que o alcalde enviou, na que se demandaba un reaxuste das anualidades e dos importes financeiros, e no que se manifestaba que o Concello ía retomar en firme os traballos conducentes a dispoñer de dito Plan Especial.
En febreiro de 2016, asinouse unha modificación do contrato para poder reactivar os traballos do citado Plan Especial. Con data 10 de xullo de 2017, a Xunta de Goberno levou a cabo a aprobación inicial do Plan Especial para sometelo a exposición pública. E finalmente o día 16 de novembro do 2020 o Plan foi aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación de Monforte.
Cun retraso manifesto, Monforte aparecía como un dos últimos conxuntos históricos de cidades que carecían deste Plan. Coa aprobación do Plan Especial, o Concello é competente para autorizar as intervencións previstas nel, tanto para os 509 edificios catalogados a protexer, como para os 585 non catalogados, comunicando trimestralmente á Consellería as autorizacións dadas. O Plan acota a algo menos da metade o número de edificios a preservar -edificios catalogados- e o grao de protección segundo a súa importancia de protección.
O Plan Especial produce por primeira vez unha valoración do estado das edificacións e das necesidades da súa rehabilitación. Así, fai unha avaliación estimada do que representa a recuperación integral do conxunto declarado, nun horizonte de 16 anos: Repoñer en uso 281 vivendas hoxe desocupadas, e mellorar as condicións de habitabilidade de outras 154 vivendas ocupadas. Rehabilitar e mellorar espazos en plantas baixas de locais comerciais e outros usos complementarios da edificación.
O Plan foi aprobado nun momento de reactivación de recursos para fomentar a rehabilitación, coa perspectiva de participación a curto prazo no Plan Rexurbe para áreas de rexeneración urbana de interese autonómico do Instituto Galego de Vivenda e Solo, dirixidas ós conxuntos históricos declarados en situación de deterioro, que necesitan dunha intervención a nivel de edificación e a nivel social e económico.
Cos recursos dirixidos á rehabilitación e á rexeneración urbana e cos ordinarios municipais, o Plan Especial presenta un programa de mellora dos espazos públicos do conxunto histórico que veña a rematar os esforzos que xa vimos realizando neste aspecto para acadar unha mellora xeral que equilibre o trato en todo o conxunto histórico desde o máis céntrico ós bordes máis miúdos.
O Plan Especial fai unha aproximación en detalle para abordar a consolidación dos grandes parques na contorna da Muralla e no seu interior, reservados xa desde as Normas Subsidiarias pero que ata agora ningún goberno municipal levou a cabo, que aportarán definitivamente un valor ambiental singular ó noso Monumento máis senlleiro, para disfrute e aproveitamento dos cidadáns e especial atractivo para os visitantes.
Este Plan Especial de Monforte foi sometido a información pública durante máis de 5 meses, case 6 meses (DOG do 3 de agosto de 2017 ata o 16 de xaneiro de 2018). O Plan foi notificado individualmente a 2.389 interesados, atendéronse presencialmente consultas sobre 258 inmobles e recibíronse 100 alegacións, sobre as que se emitiron informes técnicos que propoñen a aceptación total ou parcial de 48 alegacións, e a desestimación de 52 alegacións.
Do mesmo xeito, recibíronse informes da Axencia Galega de Infraestruturas, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, da Consellería de Facenda, da Secretaría Xeral de Patrimonio, da Deputación Provincial de Lugo, da Dirección General de Política Energética y Minas, do Ministerio de Hacienda, da Dirección General de Patrimonio del Estado y de la Subdelegación do Goberno en Lugo. Igualmente recibíronse informes preceptivos e vinculantes favorables da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e, previo á aprobación definitiva, da Dirección Xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio.
O alcalde concluíu subliñando que “o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte de Lemos, logo da súa inscrición definitiva no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, significa unha aposta decidida pola recuperación dos nosos valores coma cidade histórica, no que se teñen en conta as necesidades dos cidadáns que se ven afectados por esta regulación, pero no que tamén se atende ó interese común de todos os monfortinos e monfortinas, coa finalidade de protexer a nosa propia idiosincrasia cultural e histórica. En definitiva, o Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte, constitúese nun documento imprescindible para a rehabilitación do noso Casco Histórico”.