Ourense | A corporación provincial de Ourense, no pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, aprobou o orzamento da Deputación para o ano 2024, que alcanza os 96.050.000 euros. Un incremento do 5,58 % que se traduce en 5.080.000 euros máis con respecto ás vixentes contas. O plan económico inclúe como principal novidade o novo modelo de financiamento en cooperación cos concellos, que baixo criterios homoxéneos de repartición distribuirá 17 millóns de euros entre as entidades locais no seu primeiro ano de vixencia.
No estado de gastos, o capítulo de persoal alcanza os 38,5 millóns de euros (40,08 % do orzamento) debido ao aumento previsto nas retribucións dos traballadores; para gastos correntes de bens e servizos destínanse 23,2 millóns (24,24%); e para transferencias correntes consígnase 21 millóns (21,92 %). A partida para investimentos reais ascende a 5,1 millóns, o que representa un 5,37 % con resto á cantidade total de gastos.
Por áreas de gasto, os servizos públicos básicos (Protección Civil; augas e medio ambiente; a Edar de San Cibrao; puntos limpos e plantas de transferencia; limpeza viaria; canceiras; ou parques e xardíns) teñen unha partida de 17,7 millóns (18,43 %); e para protección e promoción social destinaranse 4 millóns, incluíndo servizos como a teleasistencia (450.000 euros), o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con 1,4 millóns; e o Punto de Atención á Infancia (PAI) con 230.000 euros. Cómpre engadir tamén a produción de bens públicos de carácter preferente (sanidade, educación, cultura e deporte…), área que contará con 10,9 millóns de euros. O proxecto de orzamentos recolle ademais as previsións para os organismos adscritos á Deputación: Inorde, con 2,3 millóns; Consorcio provincial contra Incendios e Salvamento, 1,4 millóns; e o Consorcio de Augas de Valdeorras con 250.000 euros.
O documento reflicte unha previsión de ingresos de 80 millóns de euros a través de transferencias correntes do Estado, o que supón o 83,63 % do importe total dos ingresos, sendo así a principal vía de recursos da entidade.
Novo modelo de financiamento en cooperación cos concellos
A parte máis novidosa dos orzamentos é o novo modelo de financiamento para cooperación cos concellos, o Plan CooperOU, que se pon en marcha cunha dotación de 17 millóns de euros. Consta dunha parte fixa en función do número de habitantes e outra variable que terá unha partida de 8 millóns de euros e cuns criterios homoxéneos de repartición en base á poboación (50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).
Cómpre lembrar tamén outras dúas claves do plan, como son a flexibilidade no destino dos recursos e a simplificación administrativa.
O pleno tamén aprobou as bases para a aplicación deste plan, incluída unha emenda da presidencia para engadir aclaracións. Segundo estas bases, destinaranse a investimentos reais o 40 % “como mínimo” das achegas do novo modelo de financiamento; o 60 %, “como máximo”, poderá ir a operacións correntes e amortización de débeda; haberá un réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta; consideracións sobre os programas de fomento do emprego; e flexibilízase tamén a prohibición relativa á inclusión no plan de actuacións financiadas por outras administracións.
Manifesto con motivo do 25N
A corporación acordou adherirse á declaración institucional da Federación Galega de Municipios e Provincias con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
No manifesto exprésase que “desde o municipalismo facemos un chamamento á responsabilidade común, tanto de institucións como de cidadanía, apostamos pola información e concienciación dos dereitos e ferramentas aplicables para cada situación, facendo o que estea na nosa man tanto no noso espazo como fóra del, para que quen os precise acceda a eles”.
Modificación puntual da Relación de Postos de Traballo
Un dos principais obxectivos que se ten marcado o novo Goberno provincial é a actualización e a modificación da Relación de Postos de Traballo do organismo provincial, vixente desde 2018.
As modificacións agora propostas son de tipo organizativo e de valoración de postos, aínda que como principal novidade figura a reconversión do Gabinete de Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios nunha nova área de traballo, a novena no organigrama da Deputación de Ourense, reforzándoa con máis postos de traballo e competencias.
As novas funcións asignadas a esta área refírense á prestación dos servizos de asistencia, asesoramento e cooperación xurídica, técnica e económico financeira, así como dos servizos de Secretaría-Intervención aos municipios, entre outras.
Plan de Ordenación de Recursos Humanos
A corporación acordou iniciar os trámites para modificar o actual Plan de Ordenación de Recursos Humanos da Deputación, no que se recollan as medidas de reordenación do persoal precisas para garantir a efectividade da modificación puntual da RPT que se executa de xeito paralelo, así como outras medidas para conseguir os obxectivos da política de persoal do goberno provincial.
Ciclo da auga
Modifícase o programa de asistencia a municipios no relativo aos servizos do ciclo hidráulico para 2024, actualizando os prezos en materia de abastecemento, augas de baño e saneamento.