Vigo | O traspaso de poder en xuño pasado no Concello de Salceda de Caselas de Loli Castiñeiras (Movemento Salceda) a Verónica Tourón (PSdeG) certifica unha realidade in crescendo na política galega: a presenza cada vez mais consolidada das rexedoras no poder municipal dos Concellos do Sur de Galicia.
Os comicios municipais de 2019 ratificaron este cambio político en perspectiva de xénero, apostando tamén polo avance de políticas progresistas e transversais. No Sur da provincia de Pontevedra, este poder local en feminino está repartido entre varias formacións políticas, aínda que destacando a maioría de alcaldesas pertencentes ao PSdeG.
A Comarca da Louriña destaca neste apartado: os seus tres Concellos están comandados por mulleres, sendo os casos de Nidia Arévalo (PPdG) en Mos, que está no poder municipal desde 2008; Eva García de la Torre (PSdeG) en O Porriño; e a xa mencionada Verónica Tourón (PSdeG), recén estreada como alcaldesa de Salceda de Caselas.
“A Comarca da Louriña destaca neste apartado: os seus tres Concellos están comandados por mulleres”
A continuación, a comarca do Morrazo segue de cerca esta evolución política en feminino con María Ramallo (PPdG) en Marín; María Victoria Portas Mariño (Alternativa Canguesa de Esquerdas, ACE) en Cangas; e Leticia Santos (BNG) en Moaña.
O Baixo Miño ten tamén notable presenza de alcaldesas: Ánxela Fernández Callís (BNG) en O Rosal; Cristina Correa Pombal (PPdeG) en Oia; e Sandra González (BNG) en Tomiño. A comarca da Paradanta ten dúas alcaldesas: Cristina Fernández Davila (BNG) en Ponteareas, substituíndo ao recentemente falecido Xosé Represas; e Marta Valcárcel (PPdG) en Salvaterra do Miño.
Tamén no sur pontevedrés destacan Digna Rivas (PSdeG) en Redondela e Fátima Abal Roma (PSdeG) en Cambados. Xa dentro da provincia de Ourense, pero moi próximo a estes concellos do sur ponteedrés temos o caso de Noelia Rodríguez (PSdeG) no Concello de Ribadavia, nomeada como alcaldesa en febreiro pasado tras aprobarse unha moción de censura na que contou co apoio de Ribeiro en Común.
A isto debe engadirse que a Deputación de Pontevedra está presidida desde 2019 por Carmela Silva (PSdeG), cuxa xestión remarca claramente un selo político persoal en clave feminista e con perspectiva de xénero.
O mapa do poder feminino en Galicia
A nivel galego, onde o poder municipal está repartido en 314 Concellos, en 57 delas están comandados por alcaldesas, sendo un 18,5% do total. Destacamos os casos de mulleres ao mando de grandes cidades galegas como as socialistas Inés Rey en A Coruña e Lara Méndez en Lugo, así como Marián Ferreiro (Terra Galega, TEGA) en Narón.
“A nivel galego, onde o poder municipal está repartido en 314 Concellos, en 57 delas están comandados por alcaldesas, sendo un 18,5% do total”
Outros Concellos como Betanzos, Camariñas, Allariz, Cee, Trazo, Vimianzo, Meis, A Pobra de Trives, Boborás, Larouco, Petín, Ramirás, San Amaro, Xinzo de Limia, Barreiros, Guntín, Vilalba, Muros, Forcarei e Guitiriz completan o poder feminino dentro do mapa municipal galego.
Repartido por provincias, Ourense ten 18 Concellos con mulleres ao mando; Pontevedra segue con 14; A Coruña con 13 alcaldesas e Lugo con 12. En perspectiva demográfica, as mulleres mandan sobre un total de 707.000 persoas, un 26% da poboación total de Galicia.
A nivel de partidos políticos, o PSdeG e o PPdeG contan con 24 Concellos cada un con alcaldesas ao mando . Seguen o BNG con sete e TEGA e ACE cunha muller alcaldesa respectivamente.
Non obstante, o PPdeG domina en canto ás mulleres con maior antigüidade no cargo municipal en Galicia, sendo todas elas da provincia de Ourense. Son os casos de Carmen González Quintela en Carballeda de Valdeorras, Teresa Berge en A Bola e Susana Vázquez en Porqueira.