Ponteareas | Ponteareas prepárase para acoller a VII Feira do Libro, que do 13 ao 16 de xullo encherá a vila de presentacións, sinaturas, espectáculos e actividades de animación á lectura. Nesta edición, o recoñecido poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro será o encargado de ler o pregón e dar o pistoletazo de saída a catro xornadas nas que veciños e veciñas poderán achegarse á literatura ao tempo que se dinamiza o sector e o comercio na vila.
Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia, a feira abrirá as súas portas nun novo lugar, os xardíns do Concello, buscando así unha zona con espazos de sombra e creando un ambiente acolledor e confortable para gozar de todas as actividades.
“A Feira do Libro é un evento emblemático na programación cultural de Ponteareas que vai máis alá da simple exhibición de obras. É unha oportunidade de encontro para todas aquelas persoas que comparten o amor pola lectura, un lugar no que mergullarse en mundos imaxinarios e descubrir novas historias e o mellor escaparate para promover e cultivar o interese pola literatura entre persoas de todas as idades”, resaltou a alcaldesa, Nava Castro.
A programación comezará o xoves 13 coa apertura das casetas ás 18.00 horas e o espectáculo infantil ‘A Ramona pequena vai á lúa’, de Pakolas. Ás 19.00 h Andreia Costa presentará ‘Magnolia punk e outras arritmias’ para dar paso ás 20.00 h á lectura do pregón a cargo de Alfonso Pexegueiro e a unha actuación musical. Tamén ás 20.00 h Esther Sestelo estará asinando o seu libro ‘Clara y su diario en una experiencia maravillosa’ e ás 21.00 h Fabio Rivas presentará ‘A pintura debida’ e Samuel Merino asinará exemplares na Librería Milfollas.
A feira continuará o venres 14 pola mañá coa apertura de portas ás 12.00 h e actividades infantís de animación á lectura a cargo da biblioteca municipal. Xa pola tarde, ás 18.00 h Xavier Estévez presentará ‘A memoria dos pingüíns’ e Samuel Ferro firmará exemplares de ‘Leyenda’ e ás 19.00 Almudena Santamarina asinará ‘Puede que algún día’ e Atenea García deleitará ao público co seu espectáculo de narración oral ‘Estrefalaria’. A xornada continuará ás 20.00 h coa presentación de ‘Setestrelo’ de Manuel Esteban e a firma de Ana Melón de ‘1977-2023’ e ás 21.00 h con María Xosé Porteiro presentando a súa novela ‘Tabiba’.
O sábado 15 o público poderá desfrutar de ata unha ducia de actividades. Ás 11.00 h a biblioteca municipal levará a cabo novas actividades de animación á lectura e ás 12.00 h Ramón Otero estará asinando exemplares do seu libro ‘El Peregrino’. A programación reanudarase xa ás 18.00 horas con tripla proposta: a presentación de ‘Alma cazadora’ de Keyz Noyers e a sinatura de José Malvárez do seu ‘Incoloro’ e de Anémona del Río das súas obras.
Ás 20.00 horas haberá de novo tripla sesión coa presentación de Teresa Ríos do seu libro ‘Corpo nómade’ e con Isabel Blanco firmando exemplares das súas obras e de Pablo Prado e David Braña da súa última obra, ‘A batalla de Rande’. Ás 21.00 h a feira botará o pano coa presentación de ‘Con esta hoz’, de Samuel Merino e un recital poético a cargo do propio Merino e Silvia Penas.
A VII Feira do Libro de Ponteareas rematará o domingo 16 de xullo coa obra de teatro infantil ‘Feo’, de Caramuxo Teatro’, ás 12.30 h e con tres novas presentacións pola tarde: ás 18.00 horas de ‘Os ollos do irmán eterno’, de Borja Diérez; ás 19.00 h de ‘As cunchas baleiras’, de Branca Novoneyra; e ás 20.00 h de ‘Manuel Castro, Handicap, crónica dunha paixón’ de Adrián Estévez. A clausura será ás 21.00 horas cunha actuación da Banda de Música Reveriano Soutullo.