Ponteareas | Grande actuación dos alumnos do Conservatorio Municipal de Música de Ponteareas Pablo Rodríguez e Zeus Alfaya esta fin de semana na VII Mostra Musical do Eixo Atlántico celebrada en Ferrol e que reflectiu o alto nivel musical das novas e novos intérpretes da eurorrexión.
O bombardino Pablo Rodríguez fíxose co premio na categoría de solistas de ata 10 anos, un dos galardóns desta mostra que busca poñer en valor ás novas e novos músicos, favorecer a innovación, a calidade, a interacción e a renovación do panorama musical do Eixo Atlántico.
O xurado desta edición estivo formado por Ana María López, Cristina Dornelas, Nuno Peixoto, Nuria Campo, Luís Miguel Clemente e Raquel González, que destacaron a elevada calidade dos e das participantes desta edición.
O Concello quere trasladar os seus parabéns a Pablo “por este galardón que demostra todo o que está a conseguir na música a pesar da súa corta idade”, así como a Zeus, xa que ambos os dous “deixaron o nome de Ponteareas moi alto coas súas interpretacións e fixéronse un oco entre o máis alto entre os case 40 solitas participantes”.